Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica
Contos Estraños/Urco Editora, Compostela, 167 páxinas, 15 €
Un proxecto editorial que ideara confluír ficción científica e erotismo resultaba inédito ata agora. Contos Estraños convocou un grupo heteroxéneo de voces -Mariña Pérez Rei, Manuel Lourenzo González, Xesús Constela, Roque Rei, Xerardo Méndez, Ramón Caride, María Alonso e Moncho Mariño- para artellar unha colectánea de relatos na que salienta a acaída construción da ambientación que o xénero esixe, visiten aqueles o chamado cyberpunk, a distopía máis clásica, o postapocalíptico ou a fantasía puramente especulativa. Outra cousa é, talvez, o peso do erótico, nalgúns casos de excelente factura mais noutros só un detalle entrevisto ou suxerido. Sexa como for a calidade xeral dos relatos resulta moi digna e, sen dúbida, recomendable para as persoas interesadas.
Baixo o título de “Erotismo e ficción científica”, este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de setembro de 2015.