Desencontros, de Jimmy Liao

Unha das descubertas persoais deste verán, no que a lecturas se refire, foi o coñecemento do traballo literario e artístico do autor taiwanés Jimmy Liao, mercé á tradución ao portugués de Ana M. Noronha do título Desencontros, editado por Kalandraka Editora Portugal. Un autor de recoñecida traxectoria cuxa presenza en castelán vén da man do selo granadino Bárbara Fiore Editora, posuidor dos dereitos doutros títulos do autor.

    Non é doado cifrar a fervenza de emocións que Liao articula nun xénero pouco transitado pero de enorme futuro como é o álbum ilustrado, talvez novela gráfica tamén, para un lectorado instalado na mocidade ou xa adulto. Neste formato Liao opta por incorporar un discurso literario sutil, por veces ausente porque non é preciso, e noutras ocasións case sempre esencialista, rotundo e suxestivo, beireando as estremas do lírico e acompañando silandeiramente a forza hipnótica das súas ilustracións, a cabalo entre o realista e, en tantas ocasións, o onírico, onde se instala a forza da metáfora, sempre recorrente e sorprendente, mesmo cando todo se xunta en feliz e estraña coincidencia.

      Desencontros, como o seu título indica, fala da imposibilidade do encontro, malia que este se procure con teimosía, por razóns que non están na man dos protagonistas, isto é, unha tradutora e mais un violonista que viven en apartamentos parede con parede, transitando un mundo parello ou paralelo pero que nunca cadran pois el sempre vira á dereita e ela á esquerda…, só unha vez hai lugar para o milagre e, desde aquel momento, todo é un rodopío que persegue o reencontro. Fala, así  pois, este libro do amor, mais tamén do cotián, da melancolía, da soidade e da tristeza, nunha paisaxe urbana que dalgún xeito se habita de maneira común pero onde a converxencia de vontades e sentimentos se fai imposible. Ese espazo, engaiolante, marabilloso, cambiante pero responsable tamén do distanciamento e da perda  é o que nos acompaña como espectadores activos e atentos nunha viaxe onde priman os conceptos de busca e de reflexión.

     Lin nalgures, e en expresión afortunada, que Liao era un mestre en pintor sentimentos ou estados da alma. Non teño dúbida de que así é: foi unha sorte descubrilo e ler esta proposta. Convido a coñecelo.