Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Breviario, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 76

  1. Asoma xa, como non podía ser doutro xeito, o outono literario e chega cargado de novas propostas para non deixar de ler. Recollo aquí algúns dos títulos que me parecen máis suxestivos entre os que ofrecerán algunhas editoriais galegas.
  2. A editorial canguesa Rinoceronte segue transitando polo universo das traducións á lingua galega e así, en pouco tempo, disporemos de dous novos títulos como son Lamentacións dun prepucio, de Shalom Auslander e  mais o clásico Morte en Venecia, de Thomas Mann. Dous selos vinculados, como son Barbantesa e mais Sushi, tamén preparan novas entregas: o primeiro ultima Cheiro de choiva, de Rodolfo Alonso, prologado por Xosé L. Méndez Ferrín, e o segundo conclúe os traballos de edición tanton de O caderno de Edua, de Helena Villar Janeiro como da tradución titulada Os contos de terror do tío Montague, de Chris Priestley.
  3. A pontevedresa Kalandraka centra as súas actividades, entre outros proxectos que mantén en activo como a publicación dos fondos de Maurice Sendak, en concluír unha edición actualizada do Diario de Ana Frank, título que xa se inclúe no seu catálogo pero que aparecerá de novo no mercado incorporando fragmentos que foron, no seu día, censurados.
  4. Entre as diversas publicacións que Edicións Xerais ofrecerá neste outono, saliento algunhas como son Morena, perigosa e románica, a nova novela de Pedro Feijoo; Por que as sombras non teñen ollos de Luís García Mañá e mais  De remate de Héctor Cajaraville, a proposta galardoada co Premio Xerais 2015. Tamén a fins de outubro porase en circulación Europa Express, a novela de Andrea Maceiras gañadora do Premio Jules Verne de literatura xuvenil 2015; Unha casiña branca de Marcos Calveiro  e mais  A Nena e o mar de Érica Esmorís, ilustrada por Dani Padrón, novela que foi gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2015.
  5. A editorial Galaxia, por último, incluirá no seu catálogo cando menos dous títulos de relevancia: o premio García Barros deste ano, que recaeu na novela Lourenço, xograr de Manuel Portas e mais a agardada novela de Antón Riveiro Coello: Os elefantes de Sokúrov.
  6. Moito para escoller, moito para ler. Afortunadamente.
Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: