Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Noticia dunha edición non venal de Eduardo Blanco-Amor: “Castelao. Notas periodísticas”

Polo meu amigo Suso Díaz, atento sempre ás efemérides de voces creativas do sistema literario galego, souben que tal día coma hoxe, en 1897, nacía Eduardo Blanco-Amor. Revisando igualmente a presenza de quen pasou por este blog na sección manuscritos decateime da ausencia do autor de Xente ao lonxe, algo que tentarei subsanar nun prazo breve.

    Vaia, con todo, na súa memoria, a noticia dun opúsculo curioso que non adoita aparecer na bibliografía do autor. Trátase do título Castelao, que se publicou en Ourense no ano 1970, en edición non venal: “fuera de comercio” apunta o propio Blanco-Amor neste exemplar que me agasallaron hai algún tempo e aquí comparto. A edición, probablemente se poida considerar, en parte, o precedente de Castelao escritor, que Ediciós do Castro publicaría postumamente en 1986.

   Esta edición a que me refiro, subtitulada “Notas periodísticas”, compila unha serie de artigos xornalísticos que viron a luz en La Región, La Vanguardia, El Correo Gallego e La Voz de Galicia por volta do ano 1970, en galego e castelán, coa vontade de recuperar e poñer en valor, como se diría agora, a figura de Castelao aos vinte anos do seu pasamento.  O prólogo co que o propio Blanco-Amor abre a compilación é acedo, afouto e un exercicio de responsabilidade -apunta-, malia empregar unha prosa confesadamente labiríntica pero coa que reclama para quen saiba ler, e no ano 1970, a vixencia da obra e do pensamento de Castelao-

   Por último, este exemplar ao que me refiro contén unha singularidade: unha breve dedicatoria manuscrita a Moraima Loredo, asinada na Feira do Libro de Vigo, en 1973.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: