Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A morte vén en chancletas, de Jorge Emilio Bóveda

Jorge Emilio Bóveda

A morte vén en chancletas

Enxebrebooks, 160 páxinas, 12 €

 

O escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda ofrece unha novela moi solvente acaroada ao ámbito da novela negra e policial retomando a figura dun peculiar investigador que xa aparecera nunha obra súa anterior: o ex-convicto Leopoldo Pardo.

Se fose preciso sinalar algúns trazos singularizadores da obra de Jorge Emilio Bóveda (Ourense, 1975) talvez os da versatilidade e solvencia narrativa poderían valer para comezar. Bóveda, cuxa traxectoria creativa merecería gozar ao meu xuízo dun maior recoñecemento, visitou xa, a través de diferentes novelas, relatos curtos e ensaios, diversos xéneros que van desde a ficción científica á distopía política; do misterio ao fantástico; do policial á  novela negra, por veces cun propósito coincidente e cunha evidente vontade de expoñer criticamente algunhas das claves  sociais do noso tempo.

       Hai uns meses publicou A morte vén en chancletas que volve protagonizar Leopoldo Pardo, personaxe que xa aparecera nunha novela anterior do autor e cuxo pasado carcerario lle facilita ver as cousas desde ángulos diferentes. Pardo, así pois, é o fío que posibilita seguir o desenvolvemento dunha intriga que abraza o modelo clásico da morte dun personaxe, neste caso nun pazo poboado de persoas, as máis das veces sometidas a un proceso de caricaturización, onde todas son sospeitosas e do cal ninguén pode saír. A homenaxe tributada a A. Christie ou E. Allan Poe é evidente e Bóveda, que se manexa con habilidade no deseño de espazos sufocantes e dosifica con acerto as elucubracións e sospeitas precisas nunha proposta coma esta, sabe articular unha peza narrativa na que actualiza aquel esquema e, ademais, o singulariza a través de acaídas doses irónicas, por veces claramente humorísticas, incorporando unha crítica aberta á aculturización do noso tempo, sobre todo no que ten que ver coa ausencia das vantaxes que, sempre, proporciona a lectura.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 11 de setembro de 2015, baixo o título de “Negra, policial e social”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 17 Setembro 2015 por en Crítica literaria,Novela , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: