Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cegoñas no fondo da ría, de Manuel Lourenzo González

Manuel Lourenzo González

Cegoñas no fondo da ría (limiar de Luís Bará)

Urco Editora, 266 páxinas, 13 €

 

 

A solvencia narrativa do escritor pontevedrés Manuel Lourenzo González permítenos navegar por máis dunha vintena de engaiolantes «atopocronías»: relatos que viaxan polas fronteiras do espazo e do tempo hibridando feitos reais con outros fabulados

Este é un libro de viaxes, un libro singular e probablemente de difícil imitación, mais unha auténtica crónica viaxeira. Viaxa, inicialmente, da rede ao papel: vinte e cinco entregas que viron a luz nun xornal dixital compílanse agora nunha edición moi atractiva da man de Urco Editora. Transita, igualmente, a través dunha imaxinación que non dubido en cualificar como fértil e portentosa por espazos, fábulas, mitos, xentes, xeografías e acontecementos históricos que foron, ou ben puideron ser, e que o autor sitúa na cidade de Pontevedra: nunha cidade en parte real mais tamén en boa parte soñada ou entrevista.

      Xustamente no meritorio e conseguido proceso de hibridación de tempos e espazos, e no emprego dunha prosa certeira, áxil e non exenta de certa ironía, é onde radica, ao meu ver, o atractivo destas prosas de diáfana inspiración borgeana e nas que non resulta difícil advertir pegadas de grandes fabuladores como Álvaro Cunqueiro ou Torrente Ballester. Lourenzo, deste xeito, posibilita que nos adentremos, case sen sabelo, polo extraordinario e o fantástico con visos de normalidade ou quen sabe se precisamente ao contrario. Talvez con esta perspectiva última se goce máis deste enciclopédico e gorentoso desfile de personaxes e circunstancias, onde o inesperado axexa en cada páxina como ben se testemuña, por citar algúns casos, no desvelamento da orixe auténtica do loro Ravachol, das razóns que conduciron a que en Tambo houbese un coloso ou que unha Gioconda permanecese agochada no Museo Provincial.

       Despide o libro o autor co desexo de que «a inocencia non vos abandone»: marabillosa conclusión para un libro que, sen dúbida, fai moito por recuperala.

 

Esta recensión, baixo o título de “A realidade alén da imaxinación”, publicouse no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de setembro de 2015.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: