Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Luz Campello

Luz Campello

1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo pola vida, a espontaneidade, a rebeldía metida en fariña, a resiliencia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía, o sentido do asombro, a autenticidade do corazón.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un lugar, algún recuncho onde compartir emocións e experiencias vitais, unha rede vinculeira que nos dea seguridade nos saltos ao baleiro.
4.– A súa principal eiva?
– A falla de puntualidade, a loita coa xestión do tempo, gostaríame que fose máis plástico, poder estiralo ou encollelo, atrapalo ou desbotalo, xogar con el.
5.– A súa ocupación favorita?
– Falar, ler, compartir emocións, vibrar, observar o mundo, pensar, esfollar e virar do revés todas as afirmacións, todas as negacións e todas as verdades e mentiras aprendidas. Desaprehender(me), mergullarme na vida e tentar descifrar os seus códigos secretos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentirse fachendosa dunha mesma, con independencia vital e coherencia interna, apropiada dese sentimento do “amor universal”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a cabeza (a capacidade de autogoberno) ou non poder comunicarme ou sentir.
8.– Que lle gustaría ser?
– A muller que son, en constante proceso de aprendizaxe e empoderamento, comprometida coa contorna e co tempo que estou a vivir.
9.– En que país desexaría vivir?
-No país da utopía, nese que nos fai dar pasos cara a el, onde o centro sexan as persoas (o máis libres e autónomas posible). Non me gostan as fronteiras, son de transversalidades, de transgredir os límites.
10.– A súa cor favorita?
– Góstame a diversidade de cores, coma unha amálgama sensitiva necesaria. Os verdes por riba doutros verdes, as cores mornas e douradas dos campos maduros, as cores sobrias e apagadas do centro e do norte de Europa, as nosas cores oceánicas, o abano das cores vivas da India e das tribos indíxenas de América do Sur e de África, os espazos brancos nas pinturas orientais. Podería seguir até a metamorfose completa, ha ha ha.
11. – A flor que máis lle gusta?
– O proceso de floración da natureza paréceme un espectáculo magnánimo, esa explosión de vida…, coma un espertar, un renacer multiforme de cores e aromas. Na miña memoria teño as flores da infancia, a flor das maceiras, a flor do toxo e da carqueixa, a flor de sabugueiro, ás veigas de árnica, os campos de margaridas…, fermosísimas.
12.– O paxaro que prefire?
– As bandadas de estorniños coas súas filigranas sincronizadas, os cantos do cuco, o berce da rula, as anduriñas, o pardal…
13.– A súa devoción na prosa?
– Herta Müller, Joyce Carol Oates, Marcela Lagarde e a nosa grande filósofa María Zambrano.
14.– E na poesía?
– Versos e versos de distintxs autorxs, que me atravesan e quedan a vivir na miña pel. Aínda que prefiro as voces femininas, as voces silenciadas, a palabra contracorrente, quizais un pouco marxinal, na periferia, ese lugar onde aínda estamos as mulleres no mundo.
15. – Un libro?
– Dous. O home é un grande faisán no mundo, da romanesa de orixe alemá, Herta Müller, unha alegoría a esa ave que, tendo ás, non pode voar. Por favor, cuida de mamá, da surcoreana Shin Kyung-Sook.
16.– Un heroe de ficción?
– Polgarciño, que ben poidera ser Polgarciña, a percorrer o mundo, a explorar sen medo a acabar no bandullo dunha vaca, porque sempre haberá algún xeito de saír, aínda que sexa no medio dunha bosta…, as bostas tamén son unha aprendizaxe enorme, ha ha ha.
17.– Unha heroína?
– A grande María Pita, unha muller que rompeu todos os canons da época moderna e non parou de medrar e transgredir. Minosvalorada polas voces patriarcais, reducida a unha lenda local e a unha estatua na praza do Concello da Coruña.
18.– A súa música favorita?
– A música de raíz e a música de fusión, como a miña identidade. A música da natureza como parte da vida cotiá.
19.– Na pintura?
– Sempre Van Gogh, o meu amado, incomprendido e revolucionario, na arte de pintar.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Milleiros de mulleres que están sostendo o mundo nas súas costas, que están a facer tecido social nunha contorna fracturada e chea de fendas, as coidadoras, as aleitadoras, as nais, as matriarcas galegas, as mulleres de África, as árabes, ás asiáticas, as de América do Sur… ELAS son mulleres, heroínas todas.
21.– O seu nome favorito?
– Simona e lúA (pola simbolismo na miña apropiación do A).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de capacidade crítica e de criterio propio, o vitimismo deshonesto, porque son un posicionamento demasiado doado, demasiado covarde.
23.– O que máis odia?
– A intransixencia e os fanatismos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A multitude que cala, podendo facer outra cousa. Non nos podemos permitir quedarnos de brazos cruzados, nin mirar para outro lado ante tanta inxustiza, como por exemplo as matanzas de mulleres que se están a dar en todos os países, simplemente polo feito de selo. Non nos podemos baleirar de responsabilidade e quedar impunes, porque incluso ”a pedra máis insignificante pode cambiar o rumbo da avalancha”.
25.– Un feito militar que admire?
– Todos os que conleven “depoñer as armas”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de multiplicarme en días de 48 horas (pero case o consigo, ha ha ha).
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Co sosego de ser (ou “ter sido”), sen dor física, nin espiritual.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegría e excitación pola vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os relacionados coa vulnerabilidade humana, coa nosa propia fraxilidade como seres humanxs.
30.– Un lema na súa vida?
– Cruzamos a lagoa, porque non sabiamos que era infranqueable. Non pararnos ante o imposible, sempre podemos cambiar as cousas, superar barreiras.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 28 Setembro 2015 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: