Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Ledicia Costas

A concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Escarlatina, a cociñeira defunta, publicada por Xerais con ilustracións de Víctor Rivas, é, ou así o entendo eu, algo máis ca un galardón a un libro. Probablemente se deba entender desta última maneira mais a decisión dun xurado amplo e diverso proxecta feixes de luz que iluminan diversos ángulos. Nunha valoración de urxencia gustaríame salientar tan só dous deles: o primeiro ten que ver coa aposta pola creación literaria, e nomeadamente pola literatura infantil e xuvenil aínda que non só, da autora galardoada: unha aposta esforzada e consciente, marcada polo risco que supón establecerse con vontade de permanencia nun horizonte vital literario desde a convicción absoluta de idear historias en galego, contalas e saber facelo con efectividade.

     A segunda reflexión atinxe á evidencia de que, tamén na literatura infantil e xuvenil, existe unha feliz continuidade xeracional que non anula a ninguén, senón que se fai desde a asunción da importancia que xoga o vizoso modelo que simbolizan algunhas voces como son as de Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey, Paco Martín, Antonio G. Teijeiro ou Concha Blanco, entre outras e outros e que aínda teñen moito que dar de si. Estes, xunto con Ledicia Costas e outras voces contemporáneas transitan un camiño balizado, antes como agora, polo esforzo e o traballo intenso, ao que lle cómpre engadir, naturalmente, tanto as precisas doses de talento das persoas que escriben como as portas abertas das nosas editoriais que, con coleccións específicas, permiten que estes milagres se obren de cando en vez e, neste sentido, a colección Merlín de Xerais que acolleu este libro é un bo expoñente do que apunto.

      A Ledicia Costas oínlle un día que acreditaba na relevancia inequívoca de  “reler, tachar e refacer”: unha sentenza operativa para asediar así “un quebracabezas que cómpre armar”, isto é, as súas obras literarias…, semella, xa que logo, que a máxima vai deitando resultados espectaculares. Particularmente alégrome moito dos éxitos de Ledicia Costas que son, sen dúbida, tamén da nosa literatura e, en especial, dun lectorado de agora que debe ser tamén o do futuro. Desde aquí un feixe de mimosas para ela.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: