Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Adianto editorial: “Lamentacións dun prepucio”, de Shalom Auslander

A partir da semana que vén chegará ás librarías Lamentacións dun prepucio, novela de Shalom Auslander, traducida por Rafael Salgueiro e editada por Rinoceronte. Por cortesía da devandita editorial velaquí un fragmento.

É luns pola mañá, seis semanas despois de que a miña esposa e eu soubésemos que está embarazada do noso primeiro fillo, e estou parado nun semáforo. O neno non ten a menor oportunidade. É unha trampa. Coñezo este Deus; sei como actúa. A miña muller terá un aborto, ou o bebé morrerá no parto, ou a miña esposa morrerá no parto, ou os dous morrerán no parto, ou ningún dos dous morrerá e eu pensarei que pasou o perigo, e cando saiamos do hospital e os leve á casa chocaremos de fronte cun condutor bébedo e os dous, a miña muller e o meu fillo, morrerán nunha sala de urxencias ao final do mesmo corredor onde estaba o cuarto no que minutos antes nos sentiamos tan felices e vivos e cheos de esperanza.

Iso sería típico de Deus.

Os profesores da miña mocidade morreron, os meus pais son vellos e case non nos vemos. O home do que me falaban, con todo, aínda anda por aí. Non o podo quitar de enriba. Leo a Spinoza. Leo a Nietzsche. Leo o National Lampoon. Todo é inútil. Vivo con El cada día, e velaquí que aínda está enfadado, aínda é vingativo, aínda –eternamente– está encabuxado.

–O home planea –dicían os meus pais– e Deus del se chancea.

–Cando menos o esperes –advertían os meus profesores–, espérao.

E iso é o que fago. Durante todo o día, na miña mente proxéctase un interminable festival de cine de terror, o meu Grand Guignol particular. Non pasa unha hora do día en que non me asalte unha desas truculentas e horrorosas fantasías de morte, angustia e tormento. Cando vou pola rúa, cando compro na tenda, cando encho o depósito da camioneta; os amigos morren, os seres queridos son asasinados, os animais domésticos resultan atropelados por camións de repartimento e morren. Más adiante, pasado o cruzamento onde hai unha curva cerrada á dereita, os coches minoran, acéndense as luces de freado e desaparecen ao tomar a curva. Un accidente, imaxino, e imaxínome pasando: “Papán”, criticarei o condutor, “deberías saber que por aquí non se pode ir tan rápido…” Entón recoñezo o coche. É un Nissan negro. “Parece o de Orli…” E entón vexo a miña muller detrás do volante, esmagada, ensanguentada, a cabeza cara atrás, a lingua fóra. Está morta. Ata son capaz de que me salten as bágoas; se me atopo nun estado de especial autoaversión podería ser capaz, como un fotógrafo de Reuters, de colocar un xoguete no seu colo empapado de sangue, ou unha caixa envolta con papel de agasallo de moitas cores sobre o salpicadeiro, xusto enriba do lugar onde a súa cabeza golpeou.

No exterior, de día, un pouco despois. Estou sentado no gardarraíl da estrada, inconsolable.

–Aínda é vostede novo –di un axente de policía–. Ten toda a vida por diante.

–Estaba embarazada –murmuro.

Primeiro plano da cara do axente, un tipo duro. Estaba de volta de todo, pero isto…

Unha lágrima cáelle pola fazula.

Fin.

O noso bebé non nacido é a nova estrela dos meus espectáculos de terror. Só seis semanas dende a concepción e xa foi deforme, deficiente mental, enfermo incurable, xa o abortaron, o diagnosticaron incorrectamente, o tomaron por un tumor e o irradiaron, xa tropezaron con el e lle caeron enriba, xa resultou empalado mentres, mal aconsellados, practicabamos sexo ao final do embarazo e xa quedou recocido cando Orli adormeceu nun baño de vapor.

–Estás segura? –pregunteille cando se mergullou na bañeira cun suspiro–. Parece un pouco quente.

–Fóra –dixérame.

Pasei o dedo polo vapor que se formara no cristal da ducha.

–Non fai falta que llo poñas fácil a El –dixen.

–FÓRA.

De rapaz dicíanme que cando morrese e fose ao ceo os anxos levaríanme a un inmenso museo cheo de cadros que nunca vira, cadros que serían creados por todos os espermatozoides artistas que desperdiciara na miña vida. A continuación os anxos levaríanme a unha enorme biblioteca chea de libros que nunca lera, libros que serían escritos por todos os prolíficos espermatozoides que desperdiciara na miña vida. Daquela os anxos levaríanme a unha enorme casa de oración, chea de centos de miles de xudeus que rezaban e estudaban, xudeus que nacerían se eu non os matase, se non os desperdiciase, se non os limpase cun calcetín sucio durante o repugnante fracaso da miña desprezable vida (hai máis ou menos cincuenta millóns de espermatozoides en cada exaculación, o que supón case nove Holocaustos en cada pera. Cando mo contaron, eu estaba entrando na puberdade, ou a puberdade estaba entrando en min, e cometía ese xenocidio, de media, tres ou catro veces ao día). Contábanme que cando morrese e fose ao ceo me ferverían vivo nunhas inmensas cubas con todo o seme que desperdiciara na miña vida. Contábanme que, cando morrese e fose ao ceo, todas as almas de todos os espermatozoides que desperdiciara na miña vida me perseguirían polo firmamento toda a eternidade. Non fai falta ser ordenado rabino para xogar a isto –adiante, próbao!–, todo o que necesitas é terror, estar ávido de sangue e unha vea irónica, violenta e macabra. Velaquí a miña: temo que Deus poña todos os espermatozoides saudables, perfectos e con talento nas primeiras exaculacións da vida do home –a futura recompensa dese home polo control exercido sobre os seus repugnantes instintos–, e que, a medida que pasan os anos e ese home exacula unha e outra vez (e outra vez e outra e outra), a calidade do esperma cae en picado. E cando ese home chega á miña idade só quedan os defectuosos: os birollos, os de dentes saídos, os de mandíbula adiantada, os de mandíbula atrasada, os que teñen os dedos dos pés xuntos, os que teñen membranas nos dedos das mans, os idiotas, os vagos, os criminais, os imbéciles, os cretinos, os bobos, os papahostias. Iso sería moi típico de Deus.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: