Na presentación de “Tres feridas”, de Manrique Fernández

Foi un pracer participar onte na presentación de Tres feridas, de Manrique Fernández, na Casa do Libro de Vigo acompañando ao autor e mais á editora de Belagua, Edurne Baines.

    A miña participación desenvolveu, un pouco máis amplamente, a lectura que realicei do libro e que aparece hoxe publicada nas páxinas do suplemento Fugas e que se pode consultar premendo aquí. Pola súa banda, o autor relatou algúns extremos vinculados co proceso de xestación da novela, a orixe case epifánica do título e mais o gromo do que naceu esta novela (a redacción dun relato curto que foi ampliándose aos poucos), alén de deterse na dobre liña argumental que a domina e as claves do seu desenvolvemento narrativo. Houbo tempo tamén para falar de xornalismo e literatura e mais do inevitable e asumido arrecendo cinematográfico  da narración. Moita sorte para esta Tres feridas!