Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Adianto editorial: “O principiño”, de Antoine de Saint-Exupéry

Por cortesía de Urco reprodúcese un fragmento do segundo capítulo dunha nova edición en galego deste clásico universal, neste caso en tradución de Rodrigo Vizcaíno. En breve nas nosas librarías.

II

Vivín así, só, sen ninguén con quen falar de verdade, até que tiven unha avaría no deserto do Sáhara, hai seis anos. Algo escachara no meu motor e, como non me acompañaba nin un mecánico nin pasaxeiros, prepareime para realizar, eu só, unha complicada reparación. Para min tratábase dunha cuestión de vida ou morte. Só tiña auga para oito días.

       A primeira noite durmín sobre a area a unhas mil millas de calquera rexión habitada. Estaba máis illado que un náufrago nunha balsa no medio do océano. Imaxinade a miña sorpresa cando, ao raiar o abrente, unha divertida vociña me acordou. Dicía:

     —Por favor…, debúxame un año!

     —Eh? —Debúxame un año…

      Púxenme en pé dun chouto como se me alcanzase un raio. Freguei os ollos. Ollei con atención. Vin un homiño completamente extraordinario que me observaba con aceno grave. Velaquí o mellor retrato que, máis tarde, fun quen de facer del.

     Pero o meu debuxo, con certeza, é moito menos encantador que o modelo. Non é a miña culpa. Os adultos desalentáranme na miña carreira de debuxante á idade de seis anos e non aprendera a debuxar, agás boas fechadas e boas abertas.

     Entón mirei aquela aparición cos ollos redondos de abraio. Non esquezades que me atopaba a mil millas de calquera rexión habitada. Agora ben, o meu homiño non semellaba nin extraviado, nin morto de fatiga, nin morto de fame, nin morto de sede, nin morto de medo. Non tiña en absoluto a aparencia dun cativo perdido no medio do deserto, a mil millas de calquera rexión habitada. Cando á fin fun quen de falar, díxenlle:

     —Mais…, que fas aquí?

     E entón repetiume con dozura, como se se tratase dunha cuestión moi seria:

     —Por favor…, debúxame un año…

     Cando o misterio é demasiado impresionante, ninguén ousa desobedecer. Por absurdo que me semellase, a mil millas de calquera rexión habitada e en perigo de morte, tirei do peto unha folla de papel e un bolígrafo. Mais daquela lembrei que eu estudara, sobre todo, xeografía, historia, cálculo e gramática, así que lle dixen ao homiño, un pouco malhumorado, que non sabía debuxar. Respondeume:

      —Non importa. Debúxame un año.

       Como nunca debuxara un año, refixen para el un dos dous únicos debuxos que podía facer. O da boa fechada. E fiquei estupefacto ao ouvir o cativo responderme:

      —Non! Non! Non quero un elefante dentro dunha boa. Unha boa é demasiado perigosa e un elefante ocupa demasiado espazo. De onde veño todo é pequeno. Preciso un año. Debúxame un año.

      E daquela debuxeino.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: