Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Ánxel Fole

Ánxel Fole*

– ¿O principal rasgo do seu carácter?
-Teño propensión á melancolía e á meditación.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
-A honradez.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A discreción.
-¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A fidelidade.
– ¿O seu principal defecto?
– Quizais sexa un tipo desordenado e confuso.
– ¿A súa ocupación favorita?
-Escribir era unha ocupación que me gustaba moito antes, cando estaba ben da vista.
– ¿O soño de ventura?
– Conformaríame cunha boa saúde. Que a tiven moito tempo, e dábame optimismo.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Pois non sei…
– ¿Que quixera ser?
– A min paréceme a profesión máis interesante a que teño: a de escritor.
– ¿En que país desexaría vivir?
– En calquera; pero gústame moito o campo.
– ¿A color que prefire?
-A verde.
– ¿A flor que prefire?
– Gústanme máis as árbores cás flores.
– ¿O paxaro que prefire?
–  O ouriol. Primeiro porque canta mellor ca un merlo e dá uns sons máis alegres. E segundo porque me pasou un milagre estético con el como lle puido pasar a Berceo. Estaba eu escribindo, nunha terraza cuberta, sobre un velador antigo, uns versos que dicían: “Ouriol, dame tu pluma, / Ouriol, para que escriba / un cantar de luz y espuma / con estrofas de agua viva”. E cando os escribía entrou por alí un ouriol, que bateu no vidro da xanela e caeu sangrando polo peteiro enriba da mesa. Eu arrinqueille unha pluma, talleina cunha navalla, botei a voar ó ouriol, e continuei escribindo coa nova pluma.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– A literatura é o mundo da admiración, e non sabe ún por onde empezar. Gústame moito a prosa de Gabriel Miró.
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Aí si que non hai por onde empezar. Para min o mellor poeta español é Antonio Machado. Rosalía e Teixeira son asoutras constantes da miña admiración.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Eso, moitos. Eses seres xordos que están detrás do relato, como Avinareta.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Hai personaxes de novela que se confunden coa realidade, pero son moitos.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– A miña admiración máis centrada é Beethoven. Da música do século XX, Ravel, Stravinski e Falla.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Monsieur Henri Matisse.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Calquera pobre diaño pode ser un tipo admirable.
– ¿As súas heroínas da vida real?
– Hai moitas mulleres seductoras.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Búscoos todos no galego. Por exemplo, estralampar, que é cesa-los raios.
– ¿Que detesta máis que nada?
–  En bloque, o oído paréceme feo.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
–  Non meditei neso.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– As guerras da Independencia.
-¿Que reforma admira máis?
– Tódalas que están ligadas ós inventos. A historia dos inventos é a que máis me gusta.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Comunicarme a distancia coas persoas.
–¿Cómo lle gustaría morrer?
– Sen darme conta, quedando durmido, é a opción que lle pido a Deus.
– ¿Estado presente do seu espírito?
-A actualidade, con tanto atraco, tanto morto, tanto disparo, tanta puñalada, dáme horror. La historia contemporánea tiene unos capítulos espantosos.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– O roubar para comer.
– ¿O seu lema?
– Son un home sen lemas.

————————————————————————————-

* Grazas a Luís Rei pola autorización para reproducir este cuestionario (fonte: Oficio de escribir, Ediciós do Castro, 1990).

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 22 Outubro 2015 por en Divulgación,Literatura galega , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: