Na presentación de “O álbum de Garrincha”, de Beatriz Maceda

Na presentación d´O álbum de Garrincha, da escritora Beatriz Maceda, que se celebrou onte na Casa do Libro de Vigo -acto que conduciu con solvencia, representando á editorial Galaxia, o escritor Francisco Castro e que contou coa asistencia de dous directivos do R.C. Celta que avalaron coa súa presenza a proxección deste libro- non puiden evitar referirme a unha evocación transparente da miña infancia na que me vía, aínda me vexo, percorrendo dun lado a outro a vella bancada de Río en Balaídos berrando “Eizaguirre, Eizaguirre!!!”, nome do adestrador daquel Celta que vitoreaba pois o equipo vigués volvía, por volta de 1970, a primeira división.

    No decurso da presentación, alén de me referir ao percorrido como narradora de Beatriz Maceda, quixen contextualizar esta peza narrativa que se sitúa, rompendo moldes e con paso propio, no ronsel constituído por outras pezas como son o relato “A cabeza fendida”  d´O crepúsculo e as formigas  de Xosé Luís Méndez Ferrín; o conto titulado «Qué viejo estás y qué gordo», de Carlos Casares, que publicaría no libro Cuentos de fútbol (1995) coordinado por Jorge Valdano e que arestora descoñezo se está publicado en galego, mais as novelas xuvenís Lume de biqueira do gran Vázquez Pintor ou Déixao medrar, do meu querido Silvestre Gómez Xurxo, sen esquecer o relato de Manuel Rivas “O míster & Iron Maiden”, incluído en Que me queres, amor?, no que a figura de Arsenio Iglesias ocupa un papel relevante.

   O álbum de Garrincha, como xa dixen noutra ocasión, é un libro que fala de fútbol desde a perspectiva da integración social, que fala da lectura como salvación e que fala da relevancia da amizade das nosas vidas e para iso acode á figura de Garrincha,  ese xogador brasileiro que tiña os pés xirados 80 graos cara adentro, que tiña unha perna dereita seis centímetros máis curta cá esquerda e  unha columna vertebral desviada…, malia iso, Garrincha soubo aproveitar esas condicións para practicar o fútbol e entendelo como desafío e superación, e logrouno, chegando a converterse nun dos mellores futbolistas do século XX. João, o protagonista da novela de Beatriz Maceda, descubrirá igualmente a práctica deste deporte que, alén dos ouropeis e ruído mediático que hoxe o rodea nas súas categorías superiores, é unha ferramenta solidaria e integradora, como ben soubo ver a autora deste libro. Onte despedía a miña intervención aludindo a que esa novela, como Stefan Zweig afirmaba do acto da escritura, estará aí para nos defender diante do reverso da existencia, isto é, diante da fugacidade e o esquecemento. A aparición da segunda edición do libro semella que me dá a razón.