Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán

José Antonio Gurriarán

As mulleres do monte (tradución de Felipe Senén)

Editorial Galaxia, Vigo, 440 páxinas, 24 €

 

 

O xornalista valdeorrés José Antonio Gurriarán presenta un particular libro de memorias no que conxuga a evocación da súa infancia na posguerra cun traballo de investigación focalizado en salientar o descoñecido papel que desenvolveron as mulleres como enlaces ou guerrilleiras do maquis.

 

 

Non resulta doado sintetizar todas as voces que percorren este libro e que van desde a do propio autor, pasando por aquelas individuais pero con vontade coral que aquí se recollen a xeito de entrevistas ata as que se encerran en tantos documentos exhumados. Con todo, todas elas conflúen nun sentido común: quebran silencios e son operativas para abordar a historia cunha perspectiva diferente á oficial, que tantas veces ignora ou manipula capítulos molestos. E non é doado, fundamentalmente, porque ademais de seren felizmente abondosas constitúen, desde un punto de vista global, unha achega que se detén en asuntos aínda dolorosos, malia que por eles se pase con respecto e devezo por saber a verdade. Cicatrices, en moitos casos, mal ou nunca curadas.

         Gurriarán parte, tal e como consigna no subtítulo do libro, da inquietude que percibía no seu contorno máis inmediato sendo neno: silencios, conversas truncadas, palabras collidas ao voo, a experiencia que viviu ao presenciar un atentado que se saldou cun morto, talvez un fuxido, na sede do Banco Pastor do Barco ou un curmán incorporado ao maquis… Desde estas instancias afonda en procurar elementos que contribúan a revelar as claves daquela realidade que, para un neno, resultaba tan incomprensible. Esa busca, que se entretece coa evocación e reconstrución da súa propia infancia, comeza cun crime arrepiante como é a execución, en Soulecín, duns pais por non desvelar o paradoiro dos seus fillos fuxidos e conclúe con outro, non menos pavoroso, acontecido no Val, concello de Rubiá, onde forzas da Lexión penduran dunha cerdeira unha muller e a súa filla por dar alimento e acobillo a uns fuxidos ao pouco de comezar a guerra civil.

        Entre un e outro feito técense as palabras nas que o foco de atención se deposita, por dereito propio, na figura das mulleres dentro do denominado “maquis”, quer como guerrilleiras quer como “enlaces” que fornecían información e apoio aos fuxidos. Entre os testemuños rescatados permítome salientar, pola forza que atesouran, os das irmás Antonia e Consuelo Rodríguez López, o de Paquiña Nieto, o de Matilde Franco ou o estarrecedor de Felícita Fernández Cadórniga, entre outros. Mulleres denominadas as máis das veces como mancebas ou prostitutas para desprestixialas; mulleres sometidas a interrogatorios, encarceramentos, torturas e represión que, porén, puideron resistir curtíndonse na superviviencia. As súas voces apagáronse fisicamente pero alumean neste libro que veu para sacalas do lugar no que, agás honrosas excepcións anteriores, a desmemoria as foi sepultando.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 2015, baixo o título de “A elocuencia da memoria”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: