Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá

Xerardo Quintiá

O viaxeiro radical

Galaxia, Vigo, 222 páxinas, 16 €

 

O narrador e poeta lucense Xerardo Quintiá ofrece unha novela inspirada nos perfís que, desde unha visión condutista, conflúen en Man de Camelle para afondar ao tempo na relevancia simbólica do concepto de viaxe como fonte de coñecemento e transformación

        Que a figura e o herdo artístico de Manfred Gnädinger protagonice un libro non é algo inaudito ou estraño entre nós e hai exemplos salientables, en todos os xéneros, que proceden de non hai moito tempo. Con todo, que un libro transite polos camiños da fabulación esculcando nas orixes do artista alemán, que reparen no seu percorrido europeo ata chegar a Galicia e naquilo que aquí fixo e representou, coa vontade de desvelar as coordenadas do seu pensamento e a súa singular percepción do mundo, resulta dalgún xeito, unha novidade.

      Unha novidade que se agradece máis, por outro lado, ao adoptar a distancia precisa que un libro deste tipo debe sempre manter, alimentándose con elementos de filiación realista e outros postos ao servizo da imaxinación creativa. Se a novela manexa os ritmos narrativos con soltura e ilumina, por extensión, outros ángulos temáticos, fan dela unha proposta a ter en conta.

     Algúns deses asuntos descríbense ao fío do propio título baixo a se presenta, isto é,  tres viaxes que son alfa e omega da existencia de Man, operativos para percorrer os seus roteiros interiores: viaxes contempladas como forzas motrices para encarar o día a día e que  revisan desde a insatisfacción diante da existencia que lle tocaría vivir no seu Böhringen natal pasando polo devezo de superar fronteiras físicas ata procurar respostas «radicais» na práctica artística, espazo desde o que abraza uns principios permanentes e que mesmo o conducirán á súa morte. Desde aí enxérganse a viaxe, a arte e a natureza como fontes de coñecemento que determinan unha necesaria transformación persoal, malia os conflitos persoais e colectivos que as decisións ditadas pola propia conciencia e por unha conduta sempre anticonvencional poidan carrexar. Disto se fala, e ben, nesta novela.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de outubro de 2015, baixo o título de “Manfred Gnädinger e as viaxes pola vida”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: