Supuxo para min unha oportunidade que agradezo o feito de que onte puidese establecer un diálogo, ao meu xuízo moi celmoso e fecundo, con Teresa Barro, que se desenvolveu no seo do ciclo “Nexos convida” (grazas a Marcos Lorenzo polas súas palabras e eficiencia) nas instalacións da Cidade da Cultura ao fío Alicia no país das marabillas, libro do que se celebra tanto o sesquicentenario da súa aparición como o trinta aniversario do galardón á mellor tradución que recibiu polo Ministerio de Cultura, o primeiro nunha lingua que non fose o castelán.
O certo é que se moito se falou, e dialogou coas persoas que asistiron, da Alicia “galega”, da xestación da tradución, dos desafíos que supuxo este traballo e do significado do libro, ademais doutras cuestións como o fenómeno e a importancia da tradución e da interpretación. Abordáronse asemade outros asuntos como o da lingua galega desde o punto de vista dos seus problemas; o feminismo e o anti-patriarcado, e diversos aspectos vinculados con aspectos biográficos e literarios tanto de Teresa Barro como de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Un auténtico pracer.
1 Comment
Os comentarios están pechados.