Despois da chuvia (tradución de Manuela Rodríguez)
Kalandraka, Pontevedra, 2015, 32 páxinas, 15 €
Celebrouse hai uns días a cerimonia de entrega da oitava edición do “Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados”, galardón no que participan o Concello de Santiago e mais a editorial pontevedresa Kalandraka. Chegoume o libro hai apenas unhas horas e non puiden evitar achegarme á que o xurado estimou como merecente do galardón: Despois da chuvia, do escritor e ilustrador cordobés Miguel Cerro.
Como é adoito nas propostas galardoadas das anteriores edicións é este un orixinal que non defrauda. Cerro articula un sinxelo e moi suxestivo percorrido que sitúa o argumento e os personaxes “aló, cando os animais falaban”. Arraiano co xénero da fábula, coma se dunha nova arca de Noé se tratase, iso si, sen arca nin Noé por fortuna, os animais gobérnanse por si mesmo presos dun devezo colectivo e grupal, onde a expresión da solidariedade se converte nun valor fundamental tras un simbólico alagamento da floresta onde viven. É nese contexto onde xorde a figura dun pequeno raposo, deseñado cunha inequívoca tenrura, ao que se lle nega, con sistematicidade, a realización dun servizo comunitario tal e como el desexa ata que, apelando á súa propia imaxinación e exhibindo unha astucia desposuída de maldade, consegue pór o seu fantástico gran de area á vida da comunidade, espir e evidenciar moitos prexuízos. Moi recomendable.