Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As (miñas) librarías

Mañá celébrase o chamado “Día das Librarías” promovido por CEGAL e mais pola Federación de Librarías de Galicia coa intención de visibilizar o libro e promover a súa adquisición na libraría. A iniciativa paréceme, en boa lóxica, excelente, sobre todo para alentar a visita a estes espazos que, en xeral, iniciaron hai algún tempo modificacións para incorporar actividades culturais vinculadas co mundo do libro que son, felizmente, unha realidade case cotiá.

     Teño para min que a visita ás librarías, sobre todo aquelas que son de proximidade, perfilan desde a mocidade -hoxe é algo que xa se pode facer desde a infancia- unha maneira moi concreta xa non só de ver o mundo do libro senón da propia vida. Dou fe que no meu caso así foi pois ao botar unha ollada atrás resultaron determinantes na miña afección polos libros estes espazos de proximidade como foron a Castelao dos Choróns (Vigo), con Fernando Pereira á fronte ou, andando os anos a Libraría Cartabón: alí non só se adquirían os libros pois naqueles lugares agromaban axiña, e aínda é así  na segunda, as precisas complicidades para intercambiar opinións e para establecer o diálogo, tamén para ver medrar os afectos. Resultou feliz igualmente a experiencia que vivín, durante reiterados días, na antiga Librouro onde accedín, tras preguntar por libros vellos ou descatalogados, a un espazo máxico -eu así o recordo-, no andar superior do edificio antes da remodelación: Patiño “o vello” -dito con todo o agarimo- almacenaba un verdadeiro tesouro resultado de todos os anos de traballo constante co libro galego. Tamén no Vigo de hai algúns anos non podo esquecer a grandiosidade e clasicismo de Cervantes; o espazo tan magnífico na rúa do Príncipe que exhibía a Bertrand ou a atención persoal que sempre se dispensaba en Babel, todas elas desaparecidas. Outro tanto podería afirmar da vella González, da antiga Couceiro, de Abraxas ou da Follas Novas en Compostela, lugares que durante algún tempo transitei con frecuencia.

    Estou certo que calquera lectora, calquera lector, pode establecer unha biografía persoal atendendo ás librarías que ao longo da súa vida visitou e visita. Creo que é bo lembralo pois só o ano pasado, no estado español, pecharon 912 librarías. Rompamos esta tendencia e non permitamos que ningunha máis esmoreza; está tamén nas nosas mans.

PD. Dedico este apuntamento a todas as librarías galegas que viaxan neste blog mensualmente na iniciativa do “Taboleiro”. Todas elas, malia que algunhas non as pisei nunca, son tamén as “miñas” librarías hoxe. Grazas reiteradas, pois, ás libreiras e libreiros de Aira das Letras, Librouro, Libros para SoñarAndel, Paz, Lila de Lilith, Casa do Libro, Cartabón, O PontillónMirandaBiblos, Trama, Sisargas,  Suévia,  Pedreira, Couceiro (Santiago) e Cronopios. 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 12 Novembro 2015 por en libros,Opinión , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: