Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Breviario, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 77

1. Por veces, no proceso de lectura, e de escolla de libros, prodúcese algo semellante ao que un amigo meu denomina como os efectos da providencia laica, isto é, conflúen libros, nun tempo parello, que encerran claves de asombrosas e inesperadas complicidades, urdidas con fíos invisibles, en ocasións visibles, que os van anoando. Isto aconteceume, nestas últimas datas, con tres títulos que afondan, coas súas singularidades, nun asunto máis ou menos coincidente como é o da memoria, concretamente a das mulleres galegas na guerra civil e na longa posguerra. Refírome a Un cesto de mazás, subtitulado como Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, da xornalista Montse Fajardo; ao libro As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán, subtitulado Lembranzas e fantasmas dun neno da posguerra e mais a Seique, de Susana Sánchez Arins.

       O primeiro é unha excelente proposta de filiación xornalística, onde non está ausente, loxicamente, o coidado literario e que rescata os testemuños daquelas mulleres que foron vítimas da represión derivada do levantamento militar do ano 1936 e que foron sometidas a manter un silencio prolongado que aquí rompen con emoción e un inevitable devezo de xustiza. O traballo de J. A. Gurriarán, pola súa parte, concertase en máis de catrocentas páxinas que funden, con acerto, un discurso de carácter memorialístico co intenso traballo de recuperación, en forma de entrevistas e documentos,  do papel fundamental que as mulleres desenvolveron no “maquis”, como guerrilleiras e como parte fundamental na colaboración no ámbito da contestación activa ao réxime franquista nos primeiros anos da posguerra. Por último, Seique, de Susana Sánchez Arins, cuarto libro da autora, idéase como unha proposta sen fronteiras xenéricas no que, alén doutros focos de interese, tamén está presente a memoria, neste caso a dun fascista e as súas vítimas. Tres libros, ao meu xuízo, onde se cruzan elementos comúns e que recomendo vivamente.

2. Desde o último breviario a este houbo dúas felices noticias das que cómpre deixar constancia aquí como son os recoñecementos que recibiron, desde instancias estatais, dous libros escritos en galego que xa foran galardoados con anterioridade entre nós. Trátase de Escarlatina, a cociñeira difunta, de Ledicia Costas, e Celebración, de Gonzalo Hermo. Con ambos os dous títulos, entre outras reflexións que se poderían facer, demóstrase que o traballo das xeracións máis novas xa non constitúen achegas situadas na periferia, senón auténtica centralidade.

Este texto publicouse na sección “Breviario” da revista Biblos. Clube de Lectores, nº 77.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: