Brillante outono narrativo

Non é difícil detectar unha liña de sentido nova que sospeito ha ter algunha relación coa xa inminente celebración dunha nova edición do Culturgal, espazo onde as máis das editoriais queren amosar e difundir as últimas achegas. Velaquí, sen dúbida, outra proba máis da dinámica propia que rexe a aparición das publicacións en lingua galega, neste caso vinculadas ao crecemento e relevancia que co paso dos anos cobra un encontro extraordinario e vizoso arredor das industrias culturais propias.  Sexa como for, o certo é que nestas datas cadran diversas propostas narrativas que veñen da man dun grupo de autoras e autores ben heteroxéneo onde conflúen voces clásicas, outras que exhíben xa un longo percorrido e, mesmo, algunhas que se internan no xénero por vez primeira.

     Non me deixan mentir, nun repaso incompleto, as novas obras narrativas, a disposición nas librarías de Manuel Rivas, Xabier Quiroga, Diego Ameixeiras, Antón Riveiro Coello, Manuel Seixas, Teresa Moure, Susana Sánchez Arins, Pedro Feijoo, Arantxa Portabales, An Alfaya, Xosé Neira Vilas, Manuel Portas, Marcos Calveiro, Héctor Cajaraville, Andrea Maceiras ou Erica Esmorís…, e talvez algunha máis que agora esquezo involuntariamente. Milleiros de páxinas e moitas historias que, felizmente e nestes meses vindeiros, esperan por nós.