Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro, Antonio Reigosa e Xosé Cobas

Antonio G. Teijeiro, A. Reigosa e Xosé Cobas

Lendo lendas, digo versos

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 19 €

 

Preséntase mañá na cidade de Vigo este libro de autoría múltiple e lamento non poder asistir por outro compromiso previo que debo atender. Lendo lendas, digo versos é un volume sorprendente, case diría que ourilocente no sentido que resplandece e loce por si mesmo. Pioneiro no seu ámbito, pon en valor, de novo, ese patrimonio que é a literatura popular da man de Antonio Reigosa, que incorpora un conxunto de vinte lendas de carácter heteroxéneo e, ao meu xuízo, moi ben escolmadas ao seren representativas de diversas referencias temáticas e dinámicas presentes nesta fantástica creación literaria anónima. A partir de aí, Antonio García Teijeiro realiza un traballo que só un poeta podería facer, isto é, trasladar ao verso esas vinte lendas, dialogar con elas, en ocasións engadindo matices que entendo como un auténtico achado, alén de que así incorpora á nosa tradición vinte textos poéticos a falaren de mouras, tesouros e feitizos, algo inexistente até o de agora e, ademais, un labor que ben poucas persoas poderían facer e, aínda menos, coa habilidade, perfección e  enorme forza expresiva que amosan estes poemas tan elaborados.

    Para rematar, Xosé Cobas incorpora un suxestivo traballo plástico de factura excelente, cousa que permite aunar, deste xeito, a palabra -a que está na prosa e a que está no verso- coa imaxe deitando resultados encomiables. Un libro, insisto, ourilocente e, desde agora, imprescindible.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: