Gustoume participar onte na presentación do libro Seique, de Susana Sánchez Arins na sempre amiga libraría Cartabón pois, particularmente, foi un pracer dialogar coa autora e co público presente sobre unha serie de cuestións que se foron poñendo enriba da mesa como foron, entre outras, o proceso de xestación, redacción e escolla da estrutura deste engaiolante patchwork narrativo; a presenza das mulleres nas súas páxinas ou como a memoria destas últimas se reflicte no libro, alén de falarmos sobre a vertente emocional que enche este volume. Ao tempo, tamén se abordaron outros temas como o contraste entre a historia oficial e a historia das vítimas ou sobre o asunto de dar voz aos silencios e como expresar os diversos modos da represión fascista. Non faltou á cita nin o tío Manuel, nin Ubaldina ou Gloria, tampouco Mariana, aínda que esta o fixo moi brevemente; por faltar nin sequera o fixo Montse Fajardo a través do seu libro Un cesto de mazás, que se presentará en Vigo tamén a vindeira semana. Moita sorte para este Seique e o seu futuro, non teño dúbida de que ben o merece.
3 Comments
Os comentarios están pechados.
– palabras do seique
http://www.envolventesaspalabras.info/