Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Inteferencias, de Manuel Seixas

Manuel Seixas

Interferencias

Xerais, Vigo, 2015, 144 páxinas, 16,65 €

 

Retorna á narrativa o escritor e músico arousán Manuel Seixas tras anos de ausencia e faino cunha novela honesta que peneira o máis fondo da conciencia humana

Seixas retorna con forza e con cousas que dicir literariamente falando, o que de seu non é pouco. Interferencias é un libro que admite múltiples lecturas, pois malia que en aparencia non deixe de desenvolver unha historia de amor, tamén de fracturas persoais, nel repousa moito máis. Ao pouco que un afonde, nesa intersección que un día se produce entre dúas persoas, nese encontro fortuíto pero conducido de maneira tan verosímil e transparente que ben pode ser certo, nada vai ser igual en María -unha fisioterapeuta marcada pola ausencia definitiva de seus pais, por unha vida rutineira e ofegante, tamén por un acontecemento do seu pasado que só se descobre á conclusión- nin tampouco en Xosé: ese avellentado profesor de instituto que ve a vida pasar con indiferenza, instalado en certa abulia, no alcoholismo e na dor provocada polos remorsos do que un día fixo. Nada, tampouco, vai ser igual logo de asomar unha nova «nube negra», un tsunami que devastará a vontade de atopar unha luz no medio dun abatemento que quería deixar atrás un ronsel alimentado por anos de sufrimento, incomunicación, soidade e  illamento, ao que axudaron as dependencias e a dor tanxible: a física e a psíquica.

     Hai, con todo, páxinas para a esperanza, apuntada na resolución final da trama ou na que sostén entender o ensino como cadea transmisora de valores e actitudes que promocionan o espírito crítico, nunhas páxinas que entendo brillantes. Todo isto, xunto cun acaído tratamento da perspectiva narrativa, de mans dadas cunha áxil arquitectura secuencial e cunha prosa depurada, sempre aguilloante e instalada nunha banda sonora extraordinaria, converten este retorno nunha lectura subxugante que moito recomendo.

Esta recensión, baixo o título de “As nubes negras” publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de novembro de 2015.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: