Foi un pracer presentar onte, no espazo de Detrás do Marco vigués, Un cesto de mazás de Montse Fajardo, acompañados por Luís Bará e arroupados por benqueridas persoas que estaban entre o público: amigas, amigos, as netas de Ernestina Otero e de Urania Mella ou a filla de Mario Granell. Un acto moi emocionante e conmovedor no que falamos e dialogamos sobre un fermoso poema de Lorenzo Varela, das mulleres de Matriarcas, dos testemuños orais recollidos con sensibilidade pola autora, da represión, dos silencios, do medo e do arrecendo das mazás, que onte se mesturou co dunha gardenia que se sumou, simbolicamente, á presentación.