Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Ostrácia, de Teresa Moure

Teresa Moure

Ostrácia

Através Editora, Compostela, 324 páxinas, 16 €

 

As figuras da revolucionaria bolxevique Inessa Armand e Lenin sosteñen os esteos desta última novela de Teresa Moure que repara igualmente sobre os límites, se os hai,  do poder, a política, o amor e mesmo sobre o propio proceso de escrita.

Afírmase nesta novela que a política é un xogo de persuasión e de sedución. Abofé que estas dúas cualificacións están presentes, moi presentes, nestas páxinas que navegan entre os fíos tecidos polas arañas e a ollada do lobo ártico -símbolo da ferocidade e a liberdade-; que navegan tamén por asuntos como a química que estoura inesperadamente e as contradicións do poder, ás voltas igualmente entre os límites da entrega e a submisión.

   Como é adoito na autora, articúlase aquí unha ficción moi documentada que en parte se alicerza na relación sentimental -e as confluencias políticas- que se estableceu entre Inessa Armand, talvez un dos personaxes máis descoñecidos da Revolución de Outubro, situado nun plano secundario tras Alexandra Kollontai ou Rosa Luxemburg, e Lenin. Ambos os dous cobran plasticidade a través de recursos como a investigación que unha filla de Inessa realiza para afondar nas verdadeiras dimensións da súa nai ou mercé o rescate de diversos textos como son poemas, fragmentos dun diario ou ese corpus conformado por numerosa correspondencia que entendo como parte do máis brillante desta novela, xunto coas claves desveladas que ispen a propia voz narradora converténdoa nun personaxe máis.

   Todo por xunto é o que deita Ostrácia, importando pouco o grao de ficción que licitamente se deposite na descrición das tensións e distensións que Armand e Lenin viviron nun tempo clave para historia do século XX.

    Hai un fío común que vincula Inessa Armand e mais á voz narradora, e talvez desde aí se convide a fuxir de lecturas encapsuladoras: o feito de compartiren ambas as dúas, salvadas sexan as distancias, un espazo común en Ostrácia, isto é, un lugar que por veces é un non lugar habitado pola disidencia e a liberdade, en  ocasións tamén pola melancolía.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 27 de novembro de 2015, baixo o título de “Entre a liberdade e a disidencia”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Novembro 2015 por en Crítica literaria,Novela , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: