Botou a andar a primeira sesión deste curso do Club de Lectura IES Valadares (Vigo) conformado por docentes, pais e nais de alumnado. A visita correspondeu a Xosé Mª Álvarez Cáccamo ao fío da lectura de As últimas galerías e, coma sempre que se dan estas circunstancias, estableceuse un diálogo ricaz e intenso que afondou en asuntos como a xénese da novela, a cuestión da escolla xenérica, as vinculacións entre ficción e realidade e, mesmo, iso que se daba en chamar “vontade de estilo”. Ao tempo, abordáronse tamén outros temas de interese como o deseño e a inspiración para conformar o perfil dalgúns personaxes ou o espazo no que a novela se desenvolve, para revelarnos as claves dalgúns proxectos no que o escritor está agora mesmo ocupado.
Parabéns a Anxo Cabada pola organización desta nova xeira de encontros que culminou coa descuberta dunha “baldosa literaria” na entrada do centro docente, atinada iniciativa que inaugurara hai poucos días Antonio García Teijeiro, e que lembra o paso daquelas persoas que interveñen e intervirán no Club de Lectura (fotos de A. Cabada).