Parar o mundo (ilustracións de Marcos Viso)
Trifolium, col. Lunalimón, s/p, 17 €
Todo un achado, ao meu xuízo, este novo libro publicado con excelencia por Trifolium, e por varias razóns. Alén do coidado depositado na edición, supón todo un acerto dar un paso máis cara á vitalidade que se precisa respecto dun formato específico como é o álbum ilustrado para un lectorado adulto, aínda que este posúe unha evidente accesibilidade para outro tipo de recepción. Parar o Mundo sitúase, con inequívoca fortuna, nese ronsel dun modelo que goza arestora de éxito internacional, e penso en propostas como as de Jimmy Liao entre outros.
María Canosa, paréceme, outórgalle un xiro á súa produción coñecida até o de agora e faino, con versatilidade, a través dun discurso marcado pola estilización e esencialismo, pola incorporación nel dunha forte impronta lírica e, talvez resulte inevitable, pola vontade de transmitir certo espírito desasosegante a través do desenvolvemento dunha idea esencial que podería ser a de “que pasaría se…”. Esta inquedanza é o que Marcos Viso, nun traballo que non dubido en cualificar como fantástico, traduce nun continuum de imaxes autenticamente impactantes onde a presenza humana vai esmorecendo ata esvaerse e onde os símbolos, como son un simple tallo e un enchufe dunha conexión eléctrica cobran outra dimensión significativa na súa conclusión, transmitindo a esa dimensión metafórica que domina este recomendable achega. Parabéns á autora e ilustrador.