Aventuras de Alicia no País das Marabillas (tradución de Xavier Queipo; ilustracións de Fausto Isorna)
El Patito Editorial, Santiago de Compostela, 136 páxinas, 22 €
Descoñecía a existencia desta requintada edición, hai apenas uns días, cando tiven a fortuna de establecer un diálogo con Teresa Barro por mor, xustamente, do sesquicentenario da publicación do célebre Alicia… que cotraduciu con Fernando Pérez Barreiro-Nolla para Edicións Xerais, traballo que foi galardoado no seu día.
El Patito Editorial, coa excelencia á que nos ten afeitos, súmase a esta celebración poñendo en circulación unha nova edición deste clásico de todos os tempos baixo o título de Aventuras de Alicia no País das Marabillas, cunha magnífica tradución -ao que puiden petiscar- debida a Xavier Queipo, que aborda con indubidables garantías este exercicio cheo de dificultades tal e como comentou no seu día a tradutora arriba amentada. Non é menor a achega a esta edición que realiza Fausto Isorna incorporando un corpo de ilustracións sorprendentes, aplicando técnicas que empregan colaxes con retallos de artistas como Walton Ford, Darren Almond, Toni Smith ou Sebastiao Ricci, ofrecendo unha suxestiva e moi contemporánea lectura visual, inspirándose no que o texto atesoura de non-sense e mesmo de surrealismo, con certos eco da psicodelia.
Interesante iniciativa, pois, esta de El Patito Editorial que, de novo, pon en valor, e neste caso para nós, a perenne importancia deste clásico de Carroll. Parabéns!
1 Comment
Os comentarios están pechados.