Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV.AA.

VV.AA.

Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas

Apiario, A Coruña, 2015, 148 páxinas, 15 €

 

Confeso que lin esta achega ensaística hai xa algún tempo mais non atopei o momento acaído para me referir a ela tal e como ben merecería. En primeira instancia supón unha alegría que o selo Apiario incorpore unha proposta deste carácter no seu catálogo pois, xunto co teatro, o ensaio está a ser un dos xéneros máis castigados entre nós nos últimos tempos. Ao tempo, teño para min que non se debe obviar a intención didáctica que domina este libro ao abordar un asunto de capital relevancia, tanto para persoas que lean, gusten ou teimen na difusión da poesía, como para as que deben -debemos- considerala como necesaria, estimulante e ineludible no ámbito do ensino da literatura. Deste xeito, estes artigos compilados aquí incorporan unha achega teórica ou reflexiva inicial -a grosso modo e con diversas e lóxicas orientacións- para logo detérense nunha orientación práctica que se beneficia das experiencias propias das persoas que os subscriben: poetas que levan transitando estes camiños, desde hai xa algún tempo e con inequívoca fortuna, como son Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Antía Otero e Dores Tembrás.

      O libro, por se lle faltaba algo, leva a voz de Agustín Fernández Paz nun prólogo de lectura obrigada onde apunta algunha das claves para o que pode servir este volume como é a contribuír a minar o enfoque historicista do ensino da literatura, sinalando asemade os históricos desencontros entre poesía e ensino para concluír salientando as liñas de sentido máis caracterizadoras de cada unha das colaboracións.

     Cómpre, finalmente, apuntar tanto a accesibilidade do rexistro en que se expoñen as experiencias como o formidable complemento que fai deste libro unha sorte de edición estendida a través dunha plataforma creada ad hoc e que se pode consultar premendo aquí.  É aí onde a edición en papel cobra aínda nova vida ao se habilitar un espazo para o diálogo onde se pode adquirir máis información en rede, suxerindo e convidando a poñela en práctica de xeito accesible e esencializando cada unha das ideas que desenvolven os diversos artigos, a carón dun abondoso conxunto de recursos, en moitas ocasións fascinantes, para traballar nas aulas.

    Non podo máis que desexarlle unha moi feliz andaina a este Poesía Hexágono: que se lea, que se traballe con el, que volva abrirlle á poesía o espazo creativo e estimulante que lle corresponde, alleo a prexuízos e a mitificacións. Oxalá sexa así.