Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello

Os elefantes de Sokúrov

Galaxia, Vigo, 412 páxinas, 22 €

 

Retorna Riveiro Coello á narrativa tras o éxito inapelable que supuxo «Laura no deserto». Faino pola porta grande cunha esplendorosa novela que, en boa parte, repara nestes tempos que vivimos a través de varias historias engaiolantes

Paira certo magnetismo na cuberta desta novela, se cadra pola sensación de estrañamento que produce e o pausado movemento dunha nena que olla a un paquidermo con sosego e, talvez, curiosidade. E ese magnetismo de índole metafórica ou simbólica trasládase axiña ao papel, pois esta última entrega de Riveiro Coello xera unha inequívoca vontade de avanzar case sen respirar ata a derradeira liña, á que un chega xa con certa melancolía porque o que se ofrecía acabou.

       Os elefantes de Sokúrov goza e exhíbe características que son de agradecer: talvez, en primeiro lugar, a fantástica fluidez narrativa  que se consegue, ademais, diante dun reto como é que as voces narrativas vaian modificándose segundo o personaxe que protagoniza algunha das súas cinco partes, permitindo así configurar un lector activo; a continuación, ao meu ver, a capacidade para transformar en vizosa materia narrativa asuntos de índole moi variada e que afectan á vida cotiá como a crise económica, o proceso de creación artística ou literaria, o suicidio, a vellez, a precariedade laboral ou os desafiuzamentos…, todo por xunto combinándose co devalar de dúas relacións sentimentais suturadas, ademais, polos fíos da memoria que serán os que alimenten, en boa parte, dúas liñas argumentais salientables como é a propia identidade e a ocultación de certos capítulos do pasado.

     Por último, e deixando fóra outros elementos que só enumero como a coidada presenza de Compostela, a forza da cinematografía de Sokúrov ou esa nena e o circo no que me gusta ver detrás a Carlos Casares, non quixera deixar de destacar a solidez coa que foron esculpidos os personaxes, en especial Janis, símbolo de que as cousas poden -sen dúbida, deben- cambiar.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de decembro de 2015 baixo o título de “Somos grazas á memoria”.