Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade, VV.AA.

VV.AA.

O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade (Quico Domínguez, Manuel Cabada e Silvestre G. Xurxo, eds.)

SEPT, Vigo, 132 páxinas, 22 €

A comezos deste mesmo ano corrixía unha ausencia involuntaria que rastrexara nun apuntamento dedicado ás efemérides literarias e culturais deste 2015 e nel se xa facía referencia tanto ao centenario do nacemento do Padre Seixas como á previsible realización dun traballo colectivo que lembrase a figura deste compostelán por nacemento e vigués de adopción.

    Pasados algúns meses, a finais de outubro, presentouse esta magnífica fotobiografía na cidade de Vigo nun acto ateigado de xente ao que asistín na súa primeira parte e onde conseguín este volume, coordinado paciente e acaidamente por Quico Domínguez, Manuel Cabada e mais Silvestre G. Xurxo.  O libro facilita poder achegarse de novo á figura de Seixas e nalgúns casos descubrir novos ángulos da personalidade de quen foi un verdadeiro pioneiro en moitas cousas tal e como se espella nas tres partes que conforman a publicación e que comeza por unha cronobiografía moi completa, acompañada de numerosas fotografías e outros documentos, para logo recoller un abondoso corpus de colaboracións de autoría moi diversa -as máis delas memorialísticas e valorativas- para concluír cunha axeitada sección na que Seixas fala directamente ao ofrecerse unha compilación de diferentes textos que resultaban de difícil acceso até o de agora.

     Tras a lectura deste volume sigo a lembrar e a valorar, aínda máis, ese legado que deixou tanto por erixirse, sen probablemente pensalo, como modelo dunha constante e férrea defensa da lingua galega como por profesar, teimudamente, o espallamento dun ideario progresista, solidario e democrático. O Padre Seixas foi unha gran persoa, quen o dubida, e este libro testemúñao con acerto. Grazas por facelo posible.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: