Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cantarolas, de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas

Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas

Cantarolas

Kalandraka, Pontevedra, 56 páxinas, 14 €

Hai xustamente vinte anos vía a luz, en Edicións Xerais, a primeira edición do que se pode considerar un clásico na poesía infantil en lingua galega: Cantarolas. Agora, con magníficas ilustracións de Leandro Lamas, volve reeditarse en Kalandraka e resulta unha fortuna volver atoparse cuns poemas extraordinarios.

    Particularmente é este libro moi querido que contén composicións marabillosas polo ritmo que exhíben e pola súa forza expresiva (algunhas delas pódense escoitar premendo na páxina da Fundación Xosé Neira Vilas). Trazos acaídos tanto para as primeiras composicións que se incorporan, as de Anisia Miranda, como para a totalidade das de Neira Vilas, nas que se conxuga con mestría a evocación da vida cotiá nunha contorna rural, coa presenza constante dos elementos que definen unha natureza sempre vizosa,  achegándose así a poetización de vivencias infantís e non só.

   Poemas, pois, de aparencia sinxela pero, loxicamente, traballados con excelencia nos que reparar no rexistro lingüístico empregado resulta, asemade, unha regalía. Hoxe mesmo renderáselle unha homenaxe a Neira Vilas ao fío da publicación deste libro na libraría viguesa “Libros para Soñar”, que contará coa participación do músico e contador Paco Nogueiras -responsable da musicación de “O paspallás e o sol”, “O vento” e “Soñei cun tuturutú”-  que falará do encontro que mantivo co autor e académico uns meses antes do seu pasamento.

 

Advertisements

Un comentario en “Cantarolas, de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas

  1. Pingback: Galicia, nosa ledicia, de Xosé Neira Vilas | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: