Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais)

Manuel María

Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer nin a fundación do seu voceiro A Nosa Terra nin a fundación do coro  Cántigas da Terra,  como  o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.

Manuel Lueiro Rey

     Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.

Amparo Alvajar

      No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á  relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo,  do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.

     Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.

    De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 14 Decembro 2015 por en Divulgación,Efeméride , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: