Nena e o mar, de Érica Esmorís

Érica Esmorís

Nena e o mar (ilustracións Dani Padrón)

Xerais, Vigo, 192 páxinas, 12,50 €

 

 

Acollín esta lectura cunha predisposición especialmente positiva, tanto por ser lector dalgunha das obras literarias que Érica Esmorís deu a coñecer até o de agora na que rastrexara moitas virtudes, como polo feito de vir este libro avalado por acadar un dos galardóns máis prestixiosos no ámbito da literatura infantil como é o Merlín. O certo é que Nena e o mar, particularmente, superou as máis esixentes expectativas que nel depositara e, ao meu ver, convértese nunha das novelas máis solventes e suxestivas entre as que viron a luz, neste xénero, ao longo do ano que agora acaba.

      Esmorís, deste xeito, articula unha historia cunha estrutura de carácter circular coma se deixásemos caer unha pedra no mar e os circos que provoca a súa caída constituísen elos dunha cadea que lle outorgan sentido á mesma pois facilitan tanto ir avanzando linealmente desde unha perspectiva cronolóxica como afondar no deseño de numerosas subtramas protagonizadas por diversos personaxes. Serán estes, tamén, os que vaian tecendo unha rede que contribúe, cabalmente, a entender e soster un universo singular e extraordinario como é o do Porto Balea: un deses espazos a ter xa en conta no ámbito da literatura infantil galega, enchoupado por unha palpable decadencia que, con todo, atesoura grandes sorpresas. É aí onde a afouta e teimuda protagonista -esa “Nena” presente no título, un verdadeiro “raio de esperanza”- alenta nunha sociedade de octoxenarios gobernada por un réxime asembleario e será quen, coma unha nova Ulises, de capitanear unha sorte de revolución coa sinceridade e a valentía que testemuñan as súas propias actitudes e comportamentos, acadando unha vaga  de solidariedade que posibilite acadar os seus propósitos, que son asemade os das xentes que a acollen.

     Nena e o mar, deste xeito, alén de atesourar un estilo propio, abala entre a novela de iniciación e de aventuras e entrelaza o verosímil e o fantástico -velaí esa querenza polos seres mitolóxicos, monstros abisais cun aquel de recendo nórdico deseñados sen apoucadas reticencias e non só- no seu xusto medio, onde non faltan, a través da galería de personaxes deseñados -todos perfilados na súa individualidade- un monllo de historias cheas de complicidade que falan de amores truncados, traizóns, conflitos, fracasos e frustracións persoais ou, finalmente, desesesperanzas, consideradas “a maior das enfermidades” e para as que Nena atopa curación.

     Un libro engaiolante, posuidor de diferentes e acertados niveis de lecturas. Non dubido en recomendalo vivamente, e tamén  polo fantástico e requintado corpus de imaxes que veñen da man de Dani Padrón, que confirma o seu extraordinario momento como un dos nosos mellores ilustradores actuais.