Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Fernando Alsina e o seu ´Diario de guerra`

Ricardo Gurriarán (ed.)

Fernando Alsina e o seu ´Diario de guerra`

Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 322 páxinas, 22 €

 

Lin, ao pouco de recibilo, este volume editado por Alvarellos Editora e o certo é que me interesou moito, sobre todo tras coñecer, en datas recentes, un conxunto de propostas ensaísticas e narrativas que afondan, estas cunha perspectiva de conxunto irmandadas por unha orientación ideoloxicamente oposta, no acontecido do ano 1936 en diante e as consecuencias que se derivaron da sublevación militar no bando das persoas que foron fieis á legalidade republicana, e penso en Un cesto de mazás ou As mulleres do monte, sen esquecer a particularidade do protagonista de Seiquecomo xa apuntei noutros lugares.

      Esta publicación concreta leva un limiar do editor Henrique Alvarellos, onde manifesta certas dúbidas que o asaltaron diante dun texto destas características no que alguén, situado a priori no bando dos vencedores da guerra civil, relata as súas vivencias en forma de diario, ao que se suma un asisado prólogo de Lourenzo Fernández Prieto. Alén de difundir, pois, as claves biográficas e profesionais do médico Fernando Alsina, que tamén foi alcalde de Compostela no ano 1929 por designación gobernativa, este libro -conducido con pertinencia e extraordinario rigor documental por Ricardo Gurriarán-  ten o mérito, en primeiro lugar, de rescatar un diario escrito onde se recollen as vivencias dun médico, en plena guerra civil -algo que resulta absolutamente infrecuente- e, en segundo lugar, formula unha cuestión que non é menor: como alguén, con certas simpatías polo galeguismo -membro promotor do Seminario de Estudos Galegos, que anunciara o hospital compostelán que dirixía nas páxinas da revista Nós, que asinara o manifesto “Al servicio del Estatuto” no ano 1932 ou que tiña amizades de “dubidosa conduta ideolóxica”- se incorpora como médico no bando sublevado? Unha solución -talvez- para evitar males maiores que podía constar nas follas dos expedientes de depuración e así neutralizar, con esta adhesión, dinámicas represoras dos tribunais franquistas no seu tempo.

     O libro responde, de seu, estas cuestións e convido a achegarse ás súas páxinas para afondar neste asunto e coñecer tamén, de primeira man, a figura tan escurecida de Alsina e mais o seu texto memorialístico, onde en efecto semella evidente que se se suxire algunha autocensura como indica o seu editor textual mais onde fica reflectido con transparencia o horror que a guerra supuxo. Parabéns aos responsables desta sorprendente e documentada publicación.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: