Caer de cu polo universo, de Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo

Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo

Caer de cu polo universo

Apiario, A Coruña, 2015, 32 páxinas, 16 €

 

Non quería deixar acabar o ano sen me referir a esta segunda proposta de Apiario no xénero da literatura infantil tras a entrega que veu da man da man, hai algúns meses, de María Lado baixo o título de Porque Cuqui non quere ir á lavadora.

    Nesta ocasión é a  poeta Estíbaliz Espinosa quen realiza a súa primeira incursión no xénero e consegue, ao meu ver, un resultado excelente. Caer de cu polo universo articula un discurso áxil e enxeñoso, non exento das doses precisas tanto de divertimento como as que convidan a facer unha descuberta do que atesouran as galaxias, as estrelas e mais os planetas. Todo iso constrúese mercé ao protagonismo dunha astronauta chamada Pandora, que vai relatando as súas experiencias cósmicas sendo inquirida acotío por unha voz que a estimula para que, finalmente e cando conclúe a viaxe, sexamos quen de coñecer por onde cae, aproximadamente, o cu do universo.

     Tal e como na proposta infantil anterior á que arriba me refería este volume vai máis alá, isto é, coma se fose unha marca que singulariza estes volumes, incorpora a vontade de que o libro sexa tamén un obxecto que -nesta ocasión con selos, pegatinas e postais- suxire outro tipo de posibilidades e actividades manuais, plásticas e, en definitiva, creativas.

     Non quixera esquecer, para finalizar, nin o excelente traballo de edición que presenta esta aventura poético-cósmica disposta en gran formato nin tampouco o evidente atractivo das ilustracións de Lucía Cobo, que entendo como un verdadeiro acerto.