Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

Morena, perigosa e románica

Xerais, Vigo, 432 páxinas, 21 €

 

Hai xa algún tempo, ao fío da publicación da primeira novela de Pedro Feijoo, o autor afirmaba con modestia que o seu non era nada novo, que el levaba “un Don Quixote no peto e mais a Woody Allen na retina”. Algo hai disto nesta que é a súa última peza narrativa e, se a esta consideración, lle engadimos na presente proposta unha indisimulada inclinación cara ao divertimento, acaroándose preto do esperpento e do humorismo, sen esquecer a vontade de transmitir certa vontade crítica con algúns dos signos que emite a sociedade que nos tocou vivir, talvez obteriamos o que Feijoo quixo transmitir con esta novela, algo que xa se advirte nunha sorte de “captatio benevolentiae” que consta ao seu comezo.

      Alén dun evidente paralelismo cunha estrutura de filiación dramatúrxica -o protagonista chámase Dante e a súa ex muller Beatriz, o seu gato responde ao nome de Virxilio, a partición da materia narrativa é tripartita e articúlase a xeito de “cantos” e mesmo non é difícil mesmo tanto rastrexar un sui géneris descenso aos infernos como certo arrecendo ao Divino sainete currosiano- é este un libro que, cando menos no meu caso, se le cun sorriso nos beizos. Talvez se poida advertir nesta novela algunha saturación nos xogos de palabras ou nos equívocos, discutir a posible pertinencia de certos “gags” (algúns hai que resultan maxistrais) ou a presenza dalgúns personaxes secundarios nos que recae unha atención pouco efectiva para a trama pero, en liñas xerais, prima ao meu ver a aposta, realizada con convicción, por ofrecer un discurso áxil, estruturado co ritmo axeitado e cargado de humorismo -camiño escasamente transitado na nosa tradición, agás casos como os de Anxo Baranga, Gonzalo Navaza ou Alfonso Álvarez Cáccamo, entre outras voces-, onde a presenza en ocasións do surrealismo, dalgúns ecos da mellor tradición do picaresco, do desatino máis absoluto e  do delirante -neste caso baixo o argumento de roubar ou secuestrar valiosas pezas de arte por parte dun colectivo inefable- fai pensar en modelos como os que ofreceron A conxura dos necios, de John Kennedy Toole, ou outras pezas narrativa de autores como Tom Sharpe e Eduardo Mendoza, sen esquecer a influencia da cinematografía clásica ou contemporánea que xa transitou estes vieiros.

     Nesta Morena, perigosa e románica de novo latexa a cidade de Vigo para ocupar un papel relevante na trama, co engadido doutro pano de fondo como é Barcelona: percorridas e deseñadas ambas as dúas con efectividade e agarimo. Eu lin en dous días, e con agrado, esta comedia e mesmo non desboto achegarme ao Bar Carballo por ver se Odeón Dante, ou alguén que se lle imite, anda por alí a facer preguntas, entre empanadilla e empanadilla.