Dorna (expresión poética galega, nº 38)

Ramón Lourenzo (dir.)

Dorna (expresión poética galega, nº 38)

Universidade de Santiago de Compostela-Xunta de Galicia, Compostela, 112 páxinas.

 

Trazar a historia das case  catro últimas décadas da poesía galega sen ter en conta a revista Dorna non resultaría procedente. As súas páxinas, como é ben sabido, acolleron as primeiras publicacións poéticas de voces que achegaron, e nalgúns casos seguen a achegar, valiosos textos ao xénero e, ao tempo, soubo converterse nunha plataforma desde a que se deron a coñecer autoras e autores que daban os seus primeiros pasos, gardando estrita fidelidade á filosofía inicial que a inspirou.

     Por esta razón levei unha alegría cando recibín un exemplar desta revista pois xa había algúns anos que non tivera ocasión de acceder aos seus contidos. Advirto, así pois, como a publicación segue a sintonizar cos postulados orixinarios ao incorporar poemas na sección “Creación” pertencentes a voces de longa traxectoria con outras, posuidoras ou non de libro publicado independentemente, como neste caso son Claudio R. Fer, Estíbaliz…Espinosa, Chus Pato, Antía Monteagudo Alonso, Alba Cid, Antón Blanco, Eli Ríos, Arsenio Iglesias Pazos, Celia Parra, Helena Villar Janeiro, Jesús Castro, Lucía Novas, Manuel Darriba, María do Cebreiro, Marta Dacosta, Manuel Xosé Neira, Marco Paone, María Vilas, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey, Paulino Peña, Francisco Castiñeira, Irene Maquieira ou Iria Morgade .

      Ademais, incórporase tamén a sección “Voces de fóra” cunha escolma e tradución de poemas de Rochelle Hurt, en versión de Neil Anderson, alén de dúas poéticas debidas a Ismael Ramos e mais Helena de Carlos, quedando fóra desta entrega unha sección que compartía o nome deste mesmo blog e que, particularmente, moito me gustaba. Con todo, só cómpre saudar con satisfacción esta entrega -con ilustracións de Sole Rei-, agradecer o traballo das persoas implicadas na súa continuidade e desexarlle, seguir a desexarlle, unha boa andaina no futuro.

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.