Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Fontán, de Marcos Calveiro

Marcos Calveiro

Fontán

Galaxia, Vigo, 248 páxinas, 17 €

 

 

Foi un acerto, non teño dúbida, que Marcos Calveiro idease unha novela para recrear a figura de Domingo Fontán, xeógrafo ao que moitas persoas chegamos grazas a Ramón Otero Pedrayo.

       Calveiro, así pois, consegue o IX Premio de Narrativa Breve Repsol 2015 con Fontán e con el convida a achegarnos, e familiarizarnos, cunha biografía que avanza nunha liña cronolóxica desde as súas orixes en Porta do Conde até o seu falecemento no balneario de Cuntis; polo medio o autor reconstrúe os principais socalcos vitais do científico que se distribúen desde o espazo no que se desenvolve a súa infancia, páxinas dotadas dun valor inequivocamente simbólico, pasando polas vivencias como estudante en Compostela, o seu cargo como deputado en Cortes, as experiencias vividas en Noia e o exercicio da docencia até o deseño da súa actividade como ilustrado, liberal represaliado e avanzado científico -fundamentalmente matemático e topógrafo-, atento ás ideas máis adiantadas do seu tempo. Non é menor a transparencia coa que se perfila os  impedimentos que se lle puxeron para o desenvolvemento do seu labor profesional, acrecentando esta dimensión coa presenza de diversos excursos que axudan a comprender aquela época co pensamento de científicos como Méchain, Herschel ou Xosé Rodríguez.

      É unha evidencia, ademais, que esta novela, alén de elementos talvez ficcionais como as andainas dun crego bretón na vida de Fontán, por outra parte creo que moi efectivas para a trama, e fragmentos especialmente significativos como as reviravoltas para conseguir a impresión do mapa en Francia ou a minuciosidade que sempre exhibía no labor das medicións, pon o foco de atención nunha figura histórica un tanto esquecida e un dos seus méritos é a súa operatividade para actualizar capítulos da hosa historia como os ecos das loitas contra os franceses, o Batallón Literario ou o levantamento do coronel Solís, por só citar algúns deles.

    Fontán queda, así pois, retratado nestas páxinas e engadiría que magnificamente retratado: a súa vida foi a de alguén que empregou a ciencia e a razón para estar no mundo, tamén para medir o mundo e, acadou, malia as dificultades, deixar un legado definitivo como foi o de poñerlle rostro á súa patria. Calveiro logrou triangular a súa vida e deseñar, ao meu ver, unha nova Carta Xeométrica cartografando a vida de Fontán. Non é pouco.

 

 

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: