A noite enriba, de Diego Ameixeiras

Diego Ameixeiras

A noite enriba

Xerais, Vigo, 152 páxinas, 16,65 €

 

Nun exercicio singular o escritor e xornalista ourensán explora en «A noite enriba» os límites da novela negra, confirmando que as súas achegas son hoxe esenciais para a vitalidade e os novos horizontes do xénero.

Teño para min que, no ámbito da chamada novela negra, a obra de Diego Ameixeiras é unha das máis interesantes e solventes, avalada ademais pola solidez no camiño percorrido ata o de agora, conformado xa por dez propostas narrativas que se acompañan da aceptación e o aplauso da maior parte do lectorado e a crítica.

       Nesta ocasión, engádese á súa produción a novela A noite enriba na que articula, con indiscutible oficio, unha recreación singular de asuntos que teñen que ver coa vida dun escritor, precisamente, de novela negra, chamado Ricardo Barros. É nesta parte, construída con indubidable acerto e que convive con outra se se quere de carácter máis canónico, onde descansa para min o máis suxestivo, pois nela aborda asuntos como a soidade do escritor, as súas dificultades para sobrevivir, os padecementos que sofre, as dimensións que pode ter unha crise creativa e, ao tempo, o valor dunha escritura que se conceptúa como «unha coiraza para escorrentar o horror de respirar todos os días». Deste xeito é como se deseña un novo horizonte no xénero homenaxeando e reivindicando as voces que escribiron novelas consideradas populares ou «de cordel» e poñendo en valor a obra dun autor estadounidense como David Goodis, que estas páxinas convidan a (re)descubrir. E todo isto levado por esa distribución fragmentaria e cruzada das tramas narrativas, perfiladas coa prosa depurada e concisa tan cara ao autor, aquí a cabalo entre o que ocorre no universo simbolizado por ese espazo familiar que é Oregón e mais as avenidas de Filadelfia que erixen un final sorprendente, marcado por certo arrecendo existencialista que aquí non é acaído desvelar mais que convido, e moi vivamente, a coñecer.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de xaneiro de 2016 baixo o título de “De Oregón a Filadelfia”.

2 Comments

  1. Pode que sexa malo o que vou dicir, pero aínda puiden ler nada de este autor, e ten moi boa pinta o que dis do seu libro. Un saúdo

Os comentarios están pechados.