Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: María N. Soutelo

María N. Soutelo

1.– Principal trazo do seu carácter?
– A incerteza, a insatisfacción.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa cordialidade e sinxeleza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan calmadas, empáticas, sensibles, intelixentes e leais.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión, por veces.
5.– A súa ocupación favorita?
– Observar, observalo todo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conseguir un equilibrio entre o que se espera de min e o que eu mesma espero de todo isto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Conformarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun no que o exercicio da política fose puramente vocacional, e a docencia, a escritura e as artes, profesións notablemente respectadas e recoñecidas.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela dos cadros de Van Gogh.
11. – A flor que máis lle gusta?
– O Iris Germanica.
12.– O paxaro que prefire?
– Aquel pequeno paporroibo que Tango e eu, no habitual paseo da tarde, rescatamos cunha á rota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son unha devota demasiado fiel pero, se hei de nomear alguén, digo Proust, Murakami, Kawabata, Mishima, Woolf, Roy, Hui…
14.– E na poesía?
– Plath, Ribeiro, Pizarnik, Sexton, Torneiro, Knörr, Hughes, Lado, Penas,…
15.– Un libro?
– Só un?
16.– Un heroe de ficción?
– The Punisher, da Marvel.
17.– Unha heroína?
– Alicia, mil veces.
18.– A súa música favorita?
– A que me acompaña nas sesións de escritura, de lectura. A que me conmove.
19.– Na pintura?
– Andrey Remnev, Vilhelm Hammershoi, Frida Kahlo, os prerrafaelitas,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– *s que (se) sobreviven.
21.– O seu nome favorito?
– O da primeira muller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de non ser quen de limpar o que se enlixa.
23.– O que máis odia?
– A incapacidade (de moitos e moitas) de recoñecer e asumir os erros propios. A miña falta de fe.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Mal que ben e por moi detestable que resulte, toda figura histórica cumpriu unha función necesaria no seu momento, e para o conxunto da Historia.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Shiroyama, o 24 de Setembro de 1877.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A omnisciencia.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– “Sería bello / ir por las calles con un cuchillo verde / y dando gritos hasta morir de frío”, como di Neruda. Así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A emocionante montaña rusa da bipolaridade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles derivados da dor da perda.
30.– Un lema na súa vida?
– “Non existe o Ter, senón o Ser, un só Ser esixente ata o último alento, ata o afogo” (F. Kafka).

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 20 Xaneiro 2016 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: