Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Adianto editorial: O marabilloso país dos snergs, de E. A. Wyke-Smith

Por xentileza de Sushi Books, Caderno da crítica ofrece dous fragmentos d´O marabilloso país dos snergs, de E. A. Wyke-Smith, en tradución ao galego de Iolanda Mato e de inminente aparición.

Un lugar recóndito

Se unha persoa afeccionada ó mar, como pode ser o dono dun iate, bordease en barco o cabo de Watkyns Bay pola mañá, atoparíase cunha morea de nenos xogando na auga. Este espectáculo agradaríalle ou deprimiríao dependendo do seu carácter. En calquera caso preguntaríase como conseguirían chegar ata alí, a un lugar tan solitario no que se sentían tan a gusto, os máis pequerrechos choupando na beira do mar e perseguíndose pola area, os maiores nadando cara ás balsas e tirándose delas, e todos facendo un gran rebumbio. Pero isto non é máis ca unha suposición, pois ningún iate nin ningunha outra embarcación bordeará xamais o cabo da baía, nin se verá nunca ningunha vela no horizonte. A razón disto é que se trata do país da S.E.N.S. (Sociedade para a Extracción de Nenos Sobrantes), un lugar recóndito. Se un navegante sentise a tentación de ir nesa dirección, sairían ó seu encontro desconcertantes ventos do nordés alternados con desconcertantes ventos do suroeste, e isto, combinado con persistentes trombas de auga, faríao desistir do seu obxectivo, e consideraríase moi afortunado se conseguise saír daquelas augas amarrado ó pouco que quedase do mastro.

     Só existe unha excepción á regra de que ningún forasteiro pode navegar preto daquel lugar, e ese é o caso de Vanderdecken e os seus homes, que desembarcaron e acamparon a unhas dúas millas e media ó norte da baía. Debido ó temerario xuramento que fixera de que dobraría o Cabo de Boa Esperanza aínda que tivese que esperar ata o Día do Xuízo Final, atopouse con que tivo que esperar ata tal día, e aínda que para a súa tripulación, que nada xurara, foi unha sorte aciaga, non lle quedou máis remedio que bordear o cabo con el. Parece que aquela maldición foi esmorecendo ó cabo duns séculos, xa que polo menos conseguiron introducirse nas augas da S.E.N.S. durante o equinoccio de primavera, e alí continúan hoxe, acampados en pequenas chozas, co navío ancorado na desembocadura dun río, nun estado calamitoso, debido ós moluscos adheridos ó seu casco.

A señorita Watkyns

A baía chámase así en honor da señorita Watkyns, que non é só a directora, senón a fundadora da S.E.N.S., ou Sociedade para a Extracción de Nenos Sobrantes. Como tantas outras mulleres que non teñen fillos de seu, a señorita Watkyns estaba realmente interesada neles, e como era de personalidade un tanto entremetida, co tempo converteuse nun personaxe popular nos tribunais correccionais e a miúdo no albo das risas da xente. Deste xeito púxose en contacto con outras mulleres con semellantes afeccións e constituíron a Sociedade, cuxo obxectivo consistía en extraer os nenos que rexeitaban os seus proxenitores, ou un deles, segundo o caso. Ponse especial coidado en non cometer erros, pero unha vez que un neno é extraído pola Sociedade, xa non regresa, e axiña esquece o que pasaba cando vivía cos seus pais (ou cun deles) grazas a que a atmosfera do lugar é a ideal para esquecer. Hai casos nos que, tras varios anos na Sociedade (ou o que virían sendo varios anos se o tempo se contase alí da forma habitual), se lle entrega un neno a alguén que anhela ter un; pero o proceso para seleccionar esa persoa require aínda un maior coidado para non cometer erros.

     A señorita Watkyns é unha muller de intelixencia fóra do común, e ademais de ser unha fabulosa organizadora, posúe uns amplos coñecementos científicos. Estes atributos permitíronlle non só descubrir a existencia do país dos snergs (o que de por si xa é unha gran mostra de enxeño) senón tamén como chegar ata alí sen desagradábeis contratempos. Non é a miña intención entrar en detalles sobre como conseguiu chegar ata alí (iso ocuparía un libro o dobre de groso ca este). Limitareime a dicir que a señorita Watkyns admitiu a entrada na Sociedade de vinte e dúas mulleres coidadosamente seleccionadas (cada unha das cales tiña catro ou cinco nenos listos para seren extraídos dos seus fogares sen previo aviso) e con sumo coidado levaron a cabo todos os preparativos para envialos a todos ó novo país.

     Acordárase que cada muller levaría un único neno sobrante ben abrigado, xa que non poderían cargar con máis dunha soa vez; despois irían recoller os demais. Tamén debían levar un paquete con mantas, roupa de la e un par de monos de tea resistente para cada un, e quedaba ó seu criterio a elección doutros utensilios como toallas, peites e cousas polo estilo. Saíu todo á perfección. Reuníronse en Hampstead Heath unha ventosa noite de outubro ás once e media, e ás doce e cuarto a señorita Watkyns xa inspeccionara e aprobara todos os fardos, e procurara que non quedase unha soa man sen unha cunca de leite quente ou de cacao. Logo deu a orde de partir e puxéronse en marcha cun forte vento.

       E  se foi o humilde comezo da S.E.N.S. ata o que é hoxe, con 478 nenos sobrantes ó seu coidado, e os que quedan por vir. Como este libro non é máis ca a narración das extraordinarias aventuras que lles aconteceron a dous nenos debido ó seu insensato desprezo polas leis que tan sabiamente se implantaran polo seu propio ben (narración que non fará máis que producir un efecto saudábel nas mentes dos lectores máis novos), limitareime a describir brevemente os medios que a Sociedade emprega para atinxir o seu obxectivo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: