Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

NARP: El caso de Felisa Rodríguez, de Bernardo Atxaga

Bernardo Atxaga

NARP: El caso de Felisa Rodríguez

Clínica Universidad de Navarra, Pamplona, 84 páxinas, edición non venal.

 

Se algunha persoa hai, malia que non escriba en lingua galega, que merecese estar nunha nómina de escritores de nós pola querenza indisimulada que sempre lle prestou ao noso país e á nosa literatura, por animar a tradución das máis das súas obras literarias ao galego e por outras moitas razóns, creo non errar se afirmo que ese é Bernardo Atxaga.

    Por estes motivos resúltame moi grato dar conta de NARP: El caso de Felisa Rodríguez, que se abeira a unha colección ben particular como é “Historias de la Clínica”, promocionada pola Clínica da Universidade de Navarra, nunha acaída iniciativa que ten como obxectivo recoñecer, a través de diversas entregas narrativas de man dun abano moi heteroxéneo de escritoras e escritores, o exemplo fornecido por persoas que sofren diversos tipos de doenzas.

    Dese xeito, Atxaga  aborda a vida de Felisa Rodríguez, protagonista real e única deste libro, en virtude da doenza que padece, isto é, a síndrome neurodexenerativa chamada NARP: unha enfermidade de orixe mitocondrial que recibe este nome do acrónimo de Neuropatía, Ataxia e Retinite Pigmentaria. Felisa sufriu a perda da vista aos dous anos e medio e, progresivamente, da audición, o que a instalou nunha xordeira profunda aos trinta e seis anos. Neste sentido, no mes de xuño de 2001 pasou por unha exitosa intervención cirúrxica para colocarlle un implante coclear no seu oído esquerdo, con resultados altamente satisfactorios. Axtaga instálase, así, nas xornadas previas e posteriores a un segundo implante do mesmo carácter e constrúe un libro que, na realidade, non se alicerza “sobre” a protagonista, senón “coa” protagonista: ela é quen fala, quen desvela as súas angueiras, a súa maneira de concibir o mundo ou a marabillosa e envexable necesidade que sente de ler, malia as dificultades, que sempre superou para facelo.

    A medio camiño, pois, entre a biografía, a crónica e mais o ensaio, Atxaga, tras múltiples encontros, é quen de gañar a confianza de Felisa, acceder deste xeito ao seu universo máis íntimo e contárnolo debruzándose en como é, e como foi, a súa vida cotiá onde salienta con naturalidade a férrea vontade que sempre a caracterizou para romper coas barreiras da marxinación e da soidade, para seguir sempre adiante con optimismo, para ser “dona de si mesma” ignorando a posibilidade de conxugar un verbo como é o de “fracasar”.

     O autor de Obabakoak, ademais, perfila esta historia con sensibilidade, limpeza e transparencia; incorpora acaídos fragmentos doutras voces que tratan sobre as doenzas, repara en reflexións de interese como a percepción da soidade nas persoas con discapacidade e mesmo pon en cuestión determinados estereotipos sobre as doenzas. Atxaga, en fin, convídanos, coma sempre fai, a reflexionar a través da palabra, o coñecemento e a experiencia. Un libriño inesquecible, non o dubido, da man dun escritor versátil e sempre profundo. Ao se tratar dunha edición non venal, as persoas interesadas poden acceder a el, afortunadamente en diferentes formatos, premendo aquí. Ezkerrik asko, Bernardo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: