Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O día que choveu do revés, de María Canosa

María Canosa

O día que choveu do revés (ilustracións de Dani Padrón)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 11 €

 

Non cabe dúbida que a autora ceense vai converténdose, por dereito propio, nunha das voces de currículo máis completo e afortunado da nosa literatura infantil e xuvenil de arestora. Con máis de vinte libros publicados xa, e tras o éxito acadado por Rubicundo, finalista do premio Merlín o ano pasado, chega agora este novo título no que ofrece, como vén sendo adoito nela, un discurso narrativo cargado de imaxinación e fantasía, nesta ocasión con certo arrecendo a non sense literario.

    Velaí, así pois, como a partir dun conflito entre as nubes e o Sol comeza un rodopío de situacións inesperadas e sorprendentes nas que todo se transforma, de súpeto, adquirindo unha nova fasquía que é contraria a como estamos afeitos a ver e sentir o noso arredor. É ese o momento preciso de actuar e aplicar solucións imaxinativas e enxeñosas, que van fracasando até que unha persoa, talvez o máis inesperado e mercé un golpe de agudeza, consegue que as augas acalmen e que as cousas vaian volvendo á normalidade. Mais sempre hai ocasión para algunha sorpresa pois non todo é igual…, entre as novidades mesmo salienta a relevancia que os libros adquiren, e tamén os números, trazo que singulariza a autora aquí e noutras entregas.

   Parabéns á autora e, asemade, a Dani Padrón, que plasma con acerto e tan acaidamente o espírito deste libro que moito recomendo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: