A árbore xenerosa (tradución Chema Heras)
Kalandraka, Pontevedra, 64 páxinas, 15 €
Conmove, quen o dubida, ler A árbore xenerosa de Shel Silverstein. Un verdadeiro clásico no ámbito dos álbums ilustrados que, agora, temos a sorte de ver editado en lingua galega mercé a Kalandraka en tradución de Chema Heras.
A árbore xenerosa, con máis de cincuenta anos ás súas costas, testemuña como os libros que tocan o corazón e que se conciben desde a sinxeleza e a emoción, trazos ben presentes tanto na liñas empregadas para a ilustración, nun significativo negro sobre branco, coma no propio discurso narrativo, perviven máis alá das xeracións que a el se vaian achegando. Silverstein constrúe un fermoso mosaico coas teselas da amizade -aínda que esta non se corresponda mutuamente porque na amizade non se pide nada a cambio- entre unha árbore e un neno que, a ollos da propia árbore, nunca deixará de ser un neno malia o paso do tempo. Ademais este libro fálanos da relevancia que debería ter nas nosas vidas o respecto pola natureza, como fiel aliada, e subliña o valor da xenerosidade a través dunha metáfora única, transparente e verdadeiramente emocionante. Un libro que é un acto de amor, e estes non abundan.