Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A historia do touro Ferdinando, de Munro Leaf e Robert Lawson

Munro Leaf e Robert Lawson

A historia do touro Ferdinando (tradución de Xesús Fraga)

Kalandraka, Pontevedra, 72 páxinas, 14 €, 2016.

 

Na véspera do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se celebra hoxe trinta de xaneiro, puiden reler A historia do touro Ferdinando, un libro que, alén de considerarse un verdadeiro clásico no seu xénero, supón unha achega de valores permanentes.

    Munro Leaf, xunto co ilustrador Robert Lawson, idean unha proposta realmente singular  que ve a luz, na súa primeira edición, no ano 1936. A data resulta, loxicamente, significativa  e o libro -traducido a numerosas linguas do mundo- vaise converter en obxecto de culto -considerouse un dos dez clásicos a prol da paz e da tolerancia pola Internationale Jugend Bibliothek- ou en obxecto de persecución, por exemplo, ao longo do réxime nazi ou na guerra civil española, interpretándose neste período como unha metáfora contra a guerra.

    Dun ou doutro xeito cómpre alegrarse polo feito de termos, desde agora, este libro traducido con solvencia ao galego por Xesús Fraga para Kalandraka, que recupera as ilustracións en branco e negro do orixinal e que, harmonizando a fábula e a alegoría, mantén fresco o arrecendo a inxenuidade e arroupa o cuestionamento do sentido último das corridas de touros. Non é difícil ver nas súas páxinas, asemade, como explicita ás claras un non á violencia, adoptando ás veces unha perspectiva ridiculizadora, promove o respecto á propia individualidade, subliña os valores do pacificismo e da resistencia pasiva e, en definitiva, perduran nel, tantos anos despois, os latexos de independencia e de liberdade que simboliza Ferdinando.

       En 1938 Disney adaptouno e edulcorouno, gañando un Oscar á mellor curtametraxe de animación. Déixoa aquí abaixo coa miña invitación expresa a ler este marabilloso libro, a anos luz desta curiosa interpretación audiovisual.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: