Manuel María reencontrado, por Xosé Lois García

Xosé Lois García

Manuel María reencontrado

Toxosoutos, Noia, 262 páxinas, 20 €

 

 

As evocacións, e non só, que suscitan experiencias compartidas logo dunha longa amizade alicerzan este libro no que se exploran algunhas facetas do protagonista do Días das Letras 2016. 

Asediar con orixinalidade a figura de Manuel María, fóra das necesarias achegas de carácter divulgativo que se agardan, non será doado pois a figura do poeta conta xa desde hai anos, e por fortuna, con análises biográficas e literarias de inestimable valor.

         Existen, iso si, moitas posibilidades para ir avanzando neste libro en branco que cómpre escribir sobre o protagonista do Día das Letras deste ano e unha delas é a que nos propón Xosé Lois García mercé os ecos que conserva a memoria das experiencias compartidas. Cun criterio que definiría como xeográfico-emocional constrúese un percorrido que rastrexa a presenza de Manuel María e, por extensión, da súa compañeira Saleta Goi, na chamada Ribeira Sacra, isto é, Monforte, Quiroga, Chantada, Pantón, Saviñao e Sober, alén de dous capítulos sobre Manuel María en Cataluña, por un lado, e a visión que defendía da relixión, por outro. Para isto aborda polo miúdo a atención que lle prestou a estes lugares na súa obra, desvela as amizades que cultivou e calibra a plasmación literaria que aqueles gozaron na súa creación. Faino, ademais, dialogando con anteriores achegas e acudindo a epistolarios, documentos fotográficos, poemas ou artigos; sen faltar, por exemplo, o retrato de vivencias de orde política e moi persoal ou capítulos de orde máis polémica derivados de afirmacións que o autor recolle de epistolarios xa publicados. Completa o libro unha compilación de textos do autor, publicados con anterioridade, sobre Manuel María.

         Non se procure aquí unha biografía ao uso nin tampouco unha análise da súa obra literaria: antes ben véxase como un testemuño, moi documentado, sobre vivencias conxuntas con Manuel María e unha útil ollada valorativa de quen foi, en expresión afortunada do autor, un “poeta de plenitudes”.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de xaneiro de 2016.