Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Irmás Cartoné: O Gozo das Damas, de Émile Zola e novos proxectos

A editora compostelá Irmás Cartoné continúa a súa andaina transitando polo camiño das traducións á lingua galega de novelas de grandes voces clásicas da literatura universal de todos os tempos. E segue a facelo coa bo gusto e profesionalidade, tanto no que se refire proceso tradutolóxico como á dimensión estética dos libros editados.

    Testemúñao este libro extraordinario que me chegou hai poucas horas e que cumprirá ler con vagar: O Gozo das Damas, de Émile Zola, en tradución de Celia Recarey Rendo. Un libro de grande extensión do pai do naturalismo e que forma parte do seu proxecto Rougon-Macquart: unha obra en vinte volumes co obxectivo de construír un retrato da sociedade francesa do seu tempo e onde este volume constitúe o undécimo da serie. Nel repárase nas grandes transformacións que sofre o comercio coa aparición dun grande almacén en París -o Octave Mouret- que afectará á decadencia dos pequenos negocios, co fío común conducido por Denisse: unha orfa que chega a París con dous irmáns ao seu cargo e que será fiel testemuña destas mudanzas.

    Ao mesmo tempo, Irmás Cartoné anuncia dúas novidades como son, por un lado, a publicación de seis traducións, este mesmo ano, de diversos títulos debidos á autoría a un amplo abano de voces como son as de Edith Wharthon, George Eliot, Nathanael West, H. G. Wells, Raymond Radiguet e Jane Austen. Ademais, bota a andar un novo sistema de subscrición, con tres diversas modalidades pensando en diferentes preferencias e necesidades e que combina o libro en papel, en formato dixital ou en ambas as dúas opcións (aquí toda a información).

     Seguiremos con atención todas estas previsións e saudamos tanto as novas modalidades de fidelización do lectorado como o asentamento deste suxestivo selo editorial.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: