Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Vaite xa!, de Marcos Viso

Marcos Viso

Vaite xa!

Xerais, Vigo, 2016, 40 páxinas, 11 €

 

Non é doado tratar, nun álbum ilustrado destinado a un lectorado inicial, o tema da emigración e das fendas que produce o desarraigo persoal, familiar e social. Marcos Viso conségueo, e con solvencia, neste Vaite xa!  que acaba por poñer en circulación Edicións Xerais.

    Viso engaiola desde o punto de vista do tratamento visual cunha mestura de perspectivas e cores que deita un resultado realmente sorprendente e atractivo, construíndo unha atmosfera ben acaída. Ao tempo, ao meu xuízo, é quen de atopar ese desexado punto medio ao expor con axilidade e transparencia un conflito, protagonizado por unha familia de osos, como ben podería ser doutros animais distintos, ou de persoas de carne e óso,  iso talvez sexa o de menos aínda que a escolla pola que se optou facilite un achegamento máis próximo á historia por parte dos receptores máis directos do libro. O autor, así pois, visibiliza necesariamente un asunto real e doloroso, e faino acaroado a certo arrecendo lírico que repousa nun discurso onde, loxicamente, tampouco se agocha o emocional, chegue este na forma dos medos, das dúbidas ou da incerteza que asalta ao protagonista…, mais tamén nesa esperanza que se escintila ao final. Unha descuberta, sen dúbida, este traballo de Marcos Viso.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: