Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Adianto editorial: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña

Por cortesía de Rinoceronte o Caderno da crítica ofrece un fragmento de Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña, en tradución de Henrique Harguindey. Este mesmo mes de febreiro nas librarías.

Capítulo I

Vouvos contar unha nobre historia da que se poderá aprender moito ben e moito exemplo, porque os mozos deben ouvir e escoitar os bos feitos e ditos dos beneméritos devanceiros que no seu tempo tiveron moito proveito. E mais como lle aconteceron a un home asisado e leal moitas laceiras e mágoas.

      Foi ao rei Tiber de Galiza.

   Este rei tiña por esposa a irmá do rei de Aragón, dona de moi santa vida. Tiveron un fillo chamado Ponto, o rapaz máis garrido e máis xeitoso que se viu na súa época. O rei, seu pai, era home moi cabal, sinxelo e bondadoso.

   Aconteceu naquel momento que en Oriente o sultán de Babilonia tiña gran poder en facenda e en armas. Decidiu entón el que, dos seus catro fillos, o máis vello había levar o seu imperio, e díxolles aos outros tres:

   –Benqueridos fillos, non agardedes ningún dos meus herdos. Dispoño e ordeno que cada un de vós teñades trinta mil soldados, que eu vos hei pagar e manter de aquí a tres anos. Habedes ter navíos e todo o que vos faga falta, e cada un de vós irá á aventura conquistar terras e reinos dos cristiáns. E aquel que mellor o faga e conquiste máis, e máis engrandeza a lei de Mahoma, será o mellor acollido e o máis querido por min, e heille dar o máximo dos meus bens e das miñas riquezas. Hei ver quen cumpre mellor e máis conquista.

    Así lles ordenou o sultán aos seus tres fillos devanditos, e forneceunos de guerreiros, besteiros, navíos e todo o que precisaban para loitar contra a cristiandade.

    Quixo a Fortuna que un dos tres fillos do sultán, levado o seu navío polo vento nunha gran treboada, pasase rentes de España e en Galiza arribou rentes da Coruña. Nunha baleeira tomou terra e colleu algunha xente da beiramar. De que a tivo, preguntou quen era o rei dese país e respondéronlle que estaba no reino de Galiza e que o rei Tiber era o seu rei. Daquela mandou partir o navío, como se quixese arredarse do país, e colleu doce naves e mandounas ao porto da Coruña, encargándolles que fixesen coma quen que eran vendedores de especias e de tecidos de ouro e de seda e deixasen á noite deitados dentro da cidade corenta homes armados con cotas de malla por baixo da roupa. E que cara ao mencer fosen á muralla da cidade contra o mar, tomasen a porta e a muralla e axudasen a escalar e subir á cidade.

    Fíxose como el indicou.

    Chegaron as doce naves ou barcos e fixeron coma quen que eran mercadores e venderon especias e tecidos de Almería facendo moita feira. E despois os corenta mercadores deitáronse dentro da cidade, o máis pertiño que puideron da porta, e mandaron preparar de comer, convidando a cear con eles os seus hospedeiros, que non sospeitaban ruín engano ningún. Logo de teren desfrutado abondo fóronse deitar e déronse punto enriba da porta e da garda ao alborecer. Des que raiou o día fóronse esparexer a carón da porta e polo seu arredor e trazaron o seu plan. Cando chegou a hora subiron riba da muralla, e nese momento veu a pé dela o fillo do sultán, chamado Brodas, con numerosas escalas. E uns subían enriba e sobre da muralla tiraban doutros cara a eles, tantos que en pouco tempo estiveron alá máis de mil.

    Apoderáronse da porta e da cidade sen oposición, facendo nela moito mal, e asaltaron o castelo no que estaba o rei Tiber e tomárono pola forza. O rei defendeuse vigorosamente o mellor que puido e non quixo renderse, resultando morto alí mesmo, polo que houbo grande dó. A raíña saíu por unha poterna, só cuberta cun manto, e fuxiu cara aos ermos. E saíu un grupo de catorce rapaces –co fillo do rei– e mais un capelán vedraño que os educaba; este levounos e agachounos todos nun vello penedal, cabo dunha horta. E alá estiveron dous días sen beber e sen comer. O crego ancián, chamado don Denís, tiña tanto medo que cando os rapaces querían saír fóra da cova púñase de diante deles e dicíalles:

    –Non saiades nadiña se non queredes morrer.

    Retívoos así dous días, mais ao terceiro Ponto díxolle:

   –Mestre, é mellor morrermos de espada ca de fame porque deste xeito nós habiamos ser a causa da nosa morte, homicidas de nós mesmos, e saíndo á aventura podemos atopar remedio.

    O crego dicía que el quería mellor morrer de fame que caír nas mans daqueles, e tremía co medo.

     Ao cabo, Ponto saíu fóra da cova, el e seu curmán Polido, e foron avistados e levados ao rei Brodas, que xa se facía chamar rei do país. Cando o rei viu os catorce rapaces, tan extraordinariamente garridos, preguntou quen eran. E Ponto respondeu que eran rapaces que o rei alimentaba por amor de Deus e para que o servisen cando fosen grandes.

    –Servilo en que? –preguntou Brodas.

   –Señor –dixo Ponto–, uns terían gobernado os lebreis e as cazatas do rei, outros os azores, falcóns e voitres, e os outros outros oficios en salas e cuartos.

   –E como é que el vestía os seus servidores tan nobremente como vós estades? –preguntou o rei Brodas–. Semellades fillos de grandes señores polo porte que vos vexo.

     –Señor –dixo Ponto–, non somos senón fillos de vasalos e de pequenos fidalgos.

   –Vállame Mahoma! Non sei quen vós sodes, mais en garrideza e ben falar non fallastes. Cómpre que abandonedes a vosa lei, que non val nada, e adoptedes a de Mahoma; heivos beneficiar grandemente, mais se non o queredes facer heivos matar de ruín morte. Escollede cal das dúas cousas queredes.

    –De certo que podedes ordenar a morte ao voso pracer –respondeu Ponto– mais abandonar a nosa lei pola de Mahoma non o habemos facer nunca, mellor morrer.

    –Non? –dixo o rei–. Nesas estades, logo?

    E dixo que habían morrer de ruín morte.

     Entón adiantouse un cabaleiro cristián, moi querido polo rei e que adoptara a lei deles por medo da morte mais seguía levando Xesucristo no corazón, e dixo:

    –Señor, eu encárgome de vos librar deles. Se non queren crer en Mahoma, eu tratareinos de tal xeito que endexamais han facer dano á nosa lei.

     –Facede á vosa vontade, dóuvolos para que os gobernedes.

    Daquela coidaron Ponto e os outros seren mortos, mais Deus remediouno. O cabaleiro conduciunos á súa morada e púxoos ben a proba diante dos sarracenos. Logo levounos a un cuarto e mandou retirarse aos seus servidores. Alí díxolles para comprobalo:

    –Cómpre que creades en Mahoma, ou sodes mortos.

    Eles reponderon que endexamais habían crer, que querían mellor morrer. E cando os viu firmes tivo grande ledicia e preguntoulles se cearan esa noite. Eles respondéronlle que había tres días que non comeran. Entón deulles de comer e de beber, pois tiñan moitísima fame.

    –Ai! –dixeron algúns–. E por que comemos se nos van matar?

    –Ei! –dixo Ponto–. A graza de Deus ten moitos remedios. Se a El lle aprace morreremos, se a El lle aprace viviremos, segundo a súa vontade. Teñamos esperanza nel e El hanos salvar.

    Comeron, logo, e pregáronlle ao Noso Señor que tivese piedade. O cabaleiro ouviu o que Ponto dixo e prezouno grandemente, dicíndose para o seu corazón que moita mágoa había ser que tales rapaces morresen, pois eran marabillosamente garridos e de sabia fala.

    Foise de onda eles e procurou un barco, no que fixo meter víveres para un mes. E no outro día, ben cediño, levou os rapaces á nave e fíxooos entrar, e meteu tamén con eles un mariñeiro cristián que estaba preso e mandoulle que se agachase debaixo do pañol cos víveres. Ao que os rapaces estiveron dentro do navío, fixo izar a vela e a nave partiu mar a fóra. Saíu daquela o mariñeiro de baixo do pañol e colleu o temón, preguntándolles onde querían ir. Ponto dixo:

    –Benquerido amigo, pois que Deus te enviou a nós, grazas lle sexan dadas. Lévanos á terra de Francia.

     El respondeulles que así o había facer, e que non perdesen a arela, pois levaban víveres para un mes; e contoulles como o cabaleiro mandara que, pola noite, se metese na nave el e mais os víveres.

    Entón dixo Ponto:

   –Meus señores, axeonlládevos e deamos grazas a Deus por tanto ben que nos ten feito. E preguémoslle que todo se faga segundo a Súa vontade.

    Fixeron así os rapaces e estiveron día e noite cos cóbados e os xeonllos fincados dicindo devotamente os seus rezos, sen teren máis fianza ca en Deus.

    Deixemos os catorce rapaces e falemos do cabaleiro que os metera no navío.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: